A Xunta promove un pasteiro en Beariz, cunha inversión de 132.000 euros
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Beariz para visitar, da man do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do alcalde, Manuel Prado, o pasteiro situado no monte veciñal mancomuniado común de Penias, Pico, Rego de Couto e Lomba.
Este espazo foi acondicionado dentro do Plan de pastos da Xunta, cun investimento de 132.319 euros. A actuación desenvolveuse nun total de 16,8 hectáreas de terreo, nas que ademais de acondicionar o propio pasteiro procedeuse á colocación dunha manga de manexo de gando, á construción dun bebedoiro, un galpón, dúas unidades de paso canadense, captación e condución de auga (85 metros lineais) e peche cinexético (900 metros lineais).
Nesta visita, o delegado e o director xeral destacaron que só na primeira fase do Plan de pastos de Galicia investiuse máis dun millón de euros na provincia de Ourense, para executar seis pastos noutros tantos concellos dunhas 170 hectáreas en total. Na segunda fase, engadiron, están programados 10 pasteiros nos concellos da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso, O Irixo e Bande, abarcando case 530 hectáreas e un orzamento de case 1,2 millóns.