A Xunta proponlle ao concello trasladar os servizos de autobuses para a estación de ferrocarril "co fin de facilitar a intermodalidade"
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza, por videoconferencia, co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega. No encontro, a conselleira trasladou que a Xunta ten redactado un plan para desenvolver a intermodalidade nas vilas galegas con fondos europeos do próximo programa operativo Feder.
A actuación proposta polo Goberno galego permitiría facilitar un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte público aos veciños do Carballiño.
Ademais, desta forma sería posible atender a demanda do Concello do Carballiño de asumir a titularidade da actual estación de autobuses para destinar as instalacións a usos sociais. Neste sentido, a titular de Infraestruturas destacou que, para mellorar o estado das instalacións, a Consellería ten previsto realizar unha mellora na estación de autobuses, actuando sobre a cuberta.
A conselleira destacou ante ao alcalde do Carballiño o compromiso da Xunta coa mellora constante dos servizos do transporte público no municipio. A ese respecto, lembrou que as novas concesións de autobuses previstas no Plan de Transporte Público de Galicia incorporaron as solicitudes trasladadas polos municipios da comarca, ampliando a cobertura xeográfica do transporte público e mellorando as conexións, tanto con Santiago, como con Ourense.
Así mesmo, Ethel Vázquez puxo en valor que desde o pasado mes de xuño todos os mozos menores de 21 anos do Carballiño poden viaxar gratis pola provincia nos autobuses dependentes da Xunta.
Fronte a isto, a conselleira trasladoulle ao alcalde a fonda preocupación da Xunta pola situación dos servizos ferroviarios na Comunidade, e, en concreto, na provincia de Ourense, xa que as frecuencias anuladas con motivo da declaración do estado de alarma aínda non foron recuperadas nin Renfe ofrece previsións sobre a súa restitución.