A Xunta publica hoxe a convocatoria específica de axudas do 2º Plan de rescate dirixidas a negocios hostaleiros e outras actividades pechadas pola covid-19

23, Febreiro 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da nova liña de axudas directas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias adoptadas desde xaneiro, coa que se completa a activación íntegra do 2º Plan de rescate da Xunta, dotado en total con 75 millóns de euros.

O 2º Plan de rescate ten en conta, ademais das da hostalaría, as necesidades doutras actividades afectadas polas medidas sanitarias que obrigaron a pechar establecementos como poden ser os ximnasios, salas de espectáculos ou parques de ocio infantil, entre outros. A orde de hoxe destina 15 millóns de euros de maneira específica a compensar as consecuencias das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias no mes de xaneiro, en aras a preservar a saúde das galegas e galegos nestes espazos.

As axudas concederanse por establecemento e suporán contías que irán dos 1.900 euros aos 3.700, mediante a ponderación da duración dos peches, e con compensacións para os negocios con 10 ou máis persoas empregadas. Unha mesma persoa empresaria pode multiplicar estas cantidades por cada un dos establecementos dos que dispoña.

O prazo de solicitude para acceder a esta nova liña ábrese mañá mércores. Os empresarios disporán dun mes para poder cursar as súas peticións. A Xunta artellou un procedemento electrónico moi sinxelo, sen burocracia e compromete achegar os primeiros pagamentos en cuestión de días, como ocorreu co primeiro plan.

Requisitos
Para acceder ás axudas da liña activada hoxe bastará con que os solicitantes desenvolvan a súa actividade nalgún concello de Galicia e tivesen que pechar polas restricións ordenadas en xaneiro polas autoridades sanitarias.

Ademais da hostalaría, nas ordes con medidas sanitarias aprobadas este ano víronse afectados, entre outros, sectores como o de espectáculos, actividades recreativas e de lecer, cines, teatros, auditorios, ximnasios, centros de lecer infantil, escolas de música e danza, ou de actividade feirante.

A Xunta terá en conta o tempo no que os locais non puideron ter aberto ao público. No caso da hostalaría, computará como tempo de inactividade, o período no que un determinado establecemento mantivese pechado o interior e a barra, a pesares de manter o servizo en terraza ou para recoller.

Excepcionalmente, por mor da situación actual, poderán acceder ás axudas os negocios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas, sen prexuízo de que deban cumprir coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Axudas acumulables
Coa convocatoria de hoxe complétase a activación íntegra do 2º Plan de rescate, que está estruturado en dúas liñas de axuda: a primeira, para persoas traballadoras autónomas e microempresas -que se abriu o pasado xoves e está dotada con 60 millóns de euros-; e esta segunda de hoxe, con axudas automáticas para o sector da hostalaría e outras actividades pechadas desde o pasado mes de xaneiro, cun orzamento de 15 millóns. Desde novembro, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao tecido empresarial.

Todas as axudas do 2º Plan de rescate son acumulables entre si, polo que un mesmo beneficiario podería obter un máximo de 15.700 euros por negocio. Son, así mesmo, compatibles cos importes recibidos no 1º Plan de rescate. Deste xeito, un empresario que se beneficie de ambos os dous programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un máximo de 24.200 euros. Son ademais complementarias co resto das liñas de apoio artelladas polas diferentes administracións.

Para resolver dúbidas sobre o programa a Xunta ten habilitada a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es; ademais da aplicación móbil Gohu dispoñible para iOS e Android. Tamén pode obterse toda a información por medio da web da Consellería de Emprego e Igualdade.

Acondicionamento de espazos
Onte mesmo, por outra banda, a Xunta ampliou ata os 7 millóns de euros a dotación da liña dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para facilitar que a súa actividade sexa compatible coas medidas de protección da saúde ante a covid-19. Búscase asegurar a cobertura do maior número posible de investimentos que están a realizar os establecementos no acondicionamento dos espazos exteriores e na posta en marcha do servizo de vendas a domicilio ou para levar. Unha mostra máis do apoio decidido do Goberno galego a un dos sectores que peor o está a pasar por mor da pandemia.

Con apoios directos do 80% do investimento, o programa diríxese a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1.200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 28.