A Xunta publica no DOG o acordo da aprobación definitiva do proxecto de trazado para a mellora da OU-212 no treito interurbano do concello de Beariz e na travesía de Liñares, en Avión

14, Agosto 2024

A Xunta vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo da aprobación definitiva do proxecto de trazado para executar a mellora da estrada autonómica OU-212, no treito interurbano do concello de Beariz, e na travesía de Liñares, no municipio de Avión. Nesta actuación de mellora da seguridade viaria a Administración autonómica investirá máis de 1,3 M€.

Trátase da primeira fase de acondicionamento do tramo de algo máis de 6 quilómetros desta vía autonómica, entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, no quilómetro 12+620.

As obras no treito interurbano de Beariz consistirán na rectificación da curva do quilómetro 7+350, aumentando o radio de 30 a 50 metros, e na mellora do firme e ampliación da plataforma ata os 7 metros entre a capitalidade do concello e a curva do quilómetro 7+350. Neste tramo, actualmente a OU-212 é unha estrada convencional sen beiravía, con dous carrís por sentido de 3 metros de anchura cada un, nunha contorna interurbana.

A intervención ao paso polo municipio de Avión céntrase na travesía de Liñares, que vai do quilómetro 8+760 ao 9+610, e que será humanizada Neste treito manterase, en xeral, a distribución da sección actual, pero buscando como obxectivo básico a integración da vía na contorna urbana de Liñares, recuperando a súa identidade urbana e priorizando a figura do peón.

En toda a lonxitude da travesía construiranse beirarrúas e bandas de aparcamento a un mesmo nivel, cun cambio no acabado do pavimento e separación por bordo de 10 centímetros de anchura. Este deseño facilita que toda esta superficie poida ser utilizada polos peóns, tamén as bandas de aparcadoiro cando estas non estean ocupadas por vehículos.

En dúas zonas concretas, do quilómetro 8+925 ao 8+950 e do 9+200 ao 9+255, unifícase o pavimento de toda a sección, creando unha plataforma compartida con prioridade peonil ante a escasa anchura das beirarrúas actuais.

A actuación incluirá outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da vía.

Tamén se inclúe nesta intervención a renovación da capa de rodaxe de dous tramos da OU-212, para dar homoxeneidade á actuación, entre os puntos quilométricos 10 e 11 e entre os quilómetros 15 e 15+500, dentro do termo municipal de Avión.

A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras no vindeiro ano 2025. O prazo para a realización dos traballos é de 14 meses.

O Goberno galego continúa traballando para darlle continuidade ás sucesivas melloras levadas a cabo nos últimos anos nesta vía autonómica, que une a N-541 na Ermida coa OU-504 en Beade, e que é o principal acceso ás capitalidades dos concellos de Avión, melloras nas que a Xunta leva investido un total de 6,8 M€.