A Xunta realiza este lúns 9 de Decembro un simulacro de emerxencia na planta de CEPSA en Maside
A Xunta de Galicia ten previsto realizar o luns 9 de decembro un novo exercicio de adestramento, que consiste nun simulacro de emerxencia no establecemento implicado no Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Cepsa Comercial Petróleo, na antiga estación de ferrocarril da Touza, en Maside.
Este simulacro, que aparece contemplado dentro do PEE, consistirá na activación telemática e activación presencial no cadro de control se procede, das sereas, que no caso dunha activación real do Plan serviría como elemento de aviso á poboación, que como primeira medida procedería o seu confinamento á espera de recibir instrucións por parte dos servizos de protección civil.
A realización deste exercicio permitirá mellorar a coordinación dos organismos participantes e que a poboación da zona de Maside afectada por un hipotético accidente, se familiarice co son da serea e sexa capaz de identificalo no caso de activación do plan de emerxencia exterior. Máis alá desta sinal acústica e dunha maior presenza dos servizos de emerxencia e seguridade na zona próxima a planta de Cepsa, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto e poderán continuar coa súa rutina.
Desde a Xunta quérese destacar a importancia de apostar pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os plans de emerxencia exterior elaborados polo Goberno galego.
O obxectivo dun PEE é determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente que poda afectar as persoas e ó medio ambiente, establecéndose as medidas idóneas de protección a poboación, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que podan intervir.