A Xunta realiza un simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior de Cepsa en Maside
A Xunta realizou esta mañá un novo exercicio de adestramento cun simulacro de emerxencia para comprobar a coordinación durante a activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Gasib Sociedade Ibérica de Gas Licuado S.L.U. no concello ourensán de Maside.
Contou coa participación do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, como director do PEE que, unha vez recibida a información do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia e se decide a activación do plan e o disparo de sirenas de aviso á poboación asume a dirección das operacións e accións a realizar. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Este simulacro, que aparece contemplado dentro do PEE, consistiu na activación do plan por un accidente de categoría 2 producido por unha fuga en tubería fase líquida (FL) 6” de bomba de caudal, brida conexión entrada de líquido en bomba, charco de gas propano con formación de xeo e fuga con goteo continuada. Pese a non deflagrar e non incendiar, ao non cesar pola presión da liña e darse risco de deflagración foi preciso refrixerar para controlar e vaporizar o charco de gas, así como pechar válvulas das liñas FL13 e FL14 para reducir presións e que purgase a fuga.
Por mor desta situación, resultaron feridos dous operarios e, ademais, a sobrepresión no interior da planta e a radiación térmica afectaron ás vivendas anexas á planta.
Unha vez avisada á poboación coas sereas constitúense os centros de mando e control para coordinar a intervención -o Centro de Coordinación Operativa (CECOP), o SACOP e o Posto de Mando Avanzado (PMA)- coa correspondente mobilización dos efectivos, o perímetro de seguridade da zona ou o control de tráfico.
De feito, o director xeral de Emerxencias encargase de dirixir o CECOP constituíndose o comité asesor do que forman parte entre outros o subdirector de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, o alcalde de Maside e representantes da industria. A dirección do PMA foi asumida polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.
Entre os efectivos desprazados destacan os bombeiros do parque de O Carballiño-Ribeiro, integrantes do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Ribadavia e do servizo de emerxencias de Ourense, así como axentes de forzas e corpos de seguridade -Garda Civil e Policía Autonómica- , persoas voluntarias da agrupación de Protección Civil de Maside e o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega.
Para a atención sanitaria mobilizouse ao servizo territorial de Sanidade en Ourense, ao 061 e ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). No seguimento da intervención participaron responsables da empresa Gasib Sociedade Ibérica de Gas Licuado S.L.U, xunto con representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e de departamentos da Xunta relacionados coas áreas de economía e industria, medio ambiente e sanidade.
A realización deste exercicio permite mellorar a coordinación dos organismos participantes e que a poboación da zona de Maside afectada por un suposto accidente, se familiarice co son da sirnea e sexa capaz de identificalo no caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior.