A Xunta reforza a dotación de equipamento do GES de Avión coa entrega dun vehículo 4x4 equipado para as emerxencias
O Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) do concello de Avión, que tamén cubre este servizo para outros concellos límitrofes como son os de Boborás ou Beariz, dispón dun novo vehículo 4x4 equipado para o transporte de auga na extinción de pequenos incendios e de material a intervencións en zonas de difícil acceso.
O novo vehículo foi recepcionado en Santiago de Compostela polo alcalde de Avión, Antonio Montero, no transcurso dun acto presidido polo vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo. A Xunta de Galicia financiou a compra deste vehículo cunha achega económica de 89.540 euros.