A Xunta rematará este ano as obras hidráulicas que executa no municipio de Beariz
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas concluirá no vindeiro mes de outubro as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Muradas e Lebozán, no Concello de Beariz.Segundo explicou esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, tras reunirse co alcalde, Manuel Prado, o goberno galego, a través de Augas de Galicia, realiza unha achega económica de máis de 313.000 euros para levar a cabo estas melloras hidráulicas.
No núcleo de Muradas, tanto o abastecemento como o saneamento son moi antigos e sofren deficiencias importantes, polo cal cambiarase a actual rede unitaria por outra separativa. Así, actualmente estanse levando a cabo os traballos preliminares para instalar 1.172 metros de tubaxe ao longo da estrada OU-213 que cruza a poboación de norte a sur.
Parte da rede de pluviais verte á rede existente en Beariz e o resto vai a parar a unha valgada na entrada a Muradas. A rede de residuais tamén ten dúas vertentes, unha a rede de Beariz e a outra é a que vai polo centro de Muradas, desembocando na depuradora.
O proxecto inclúe, ademais, 1.176 metros de tubaxe en previsión de alimentación de 25 futuras luminarias, instalación das súas bases, arquetas da liña e a reposición do pavimento da beiravía.
En Lebozán proxectouse unha rede nova de 554 metros de tubaxe que verte na depuradora existente, aproveitando as obras para instalar tamén un novo abastecemento en tubaxe, xa que o actual tiña diámetros moi reducidos. Deste xeito, as obras atópanse ao 50% da súa execución.
NOVAS ACTUACIÓNS EN BEARIZ
O conselleiro analizou co alcalde as novas actuacións prioritarias para o concello de Beariz en materia de infraestruturas tanto hidráulicas como viarias. En concreto, sobre o acondicionamento da estrada que une a capitalidade do concello co alto da Ermida, que facilitará o acceso do municipio á estrada O Carballño-Pontevedra. Tamén analizaron a necesidade de mellorar a captación para garantir un mellor abastecemento neste concello ourensán.
VISITA AS EXPLOTACIÓNS DO PORCO CELTA
Por outra banda, Agustín Hernández realizou unha visita á Sociedade Agraria de Transformación Oural, dedicada á ceba extensiva de porco celta. Grazas á súa actividade, esta explotación fai rendible a cría de porco celta e asegura a permanencia da raza. O cebadeiro dá saída á produción de crías das explotacións familiares xa existentes, que ven comprometida a súa viabilidade pola falla de saída comercial.
Segundo explicou o conselleiro, coa posta en valor desta raza autóctona, con características moi particulares, e a súa comercialización promoverase a recuperación da mesma, e crearase emprego.
As características que lle dan valor a esta raza autóctona son: a graxa infiltrada no músculo, similar á de produtos porcinos coma o ibérico; o sistema de crianza tradicional compaxinado cun modelo de aproveitamento mellorado para incrementar o rendemento; ademais, responde á demanda existente no ramo da restauración de produtos novos e propios.