A Xunta remite ao Concello do Carballiño as propostas para modificar o proxecto de acondicionamento do contorno da Veracruz
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de remitir ao Concello de Carballiño dúas propostas para retomar o proxecto de acondicionamento do contorno do Templo de Veracruz, co fin de que a analice e se pronuncie ao respecto para avanzar nas obras. Unha das opcións que se plantexan dende a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio resúmense en eliminar os muros perimetrais de contención de terras que delimitan o espazo libre con respecto ás rúas Evaristo Vaamonde e ao novo viario de enlace coa praza de San Ramón, resolvendo o encontro dos distintos niveis mediante noiros axardinados, escalinatas e ramplas de acceso; substituír o pavimento proxectado de pezas prefabricadas de formigón por lousados de pedra granítica; e reservar unha ampla zona libre destinada a actos públicos no extremo do ámbito que linda coa praza de San Ramón.
A segunda das opcións que plantexa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas baséase en conservar os actuais xardíns da zona sur do templo e das escaleiras de pedra existentes no encontro coa rúa Evaristo Vaamonde, cunha intervención mínima en substitución dos pavimentos de pedra rugosa por un lousado de pedra granítica.
En ambos os dous casos, a Consellería de Medio Ambiente aposta por reducir a masa de arborado proxectada, eliminando as especies de gran porte que impidan a visión do templo.
No escrito, solicítase o posicionamento do Concello do Carballiño respecto a estas propostas e, de estar conforme, a acreditación da dispoñibilidade dos terreos precisos para a execución da obra.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou as obras de acondicionamento do entorno do Templo de Veracruz á empresa “Misturas Obras e Proxectos S.A.”, por un importe de máis de 1,1 M €.