A XXIX Festa da Vendima, a celebrar o domingo 26 de Agosto, inclúe por vez primeira unha "Mostra dos Viños de Leiro"
A XXIX edición da Festa da Vendima de Leiro ensalzará, o vindeiro domingo, 26 de agosto, o cultivo da vide que xera unha importante riqueza na comarca, cun completo programa de actividades que aglutina o tradicional desfile de carrozas e charangas, artesanía, gastronomía, deporte e música.
A presentación deste evento cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o alcalde e o concelleiro de Deporte e Cultura de Leiro, Francisco José Fernández e Ramón Álvarez, respectivamente.
A Deputación de Ourense colabora con esta festa tradicional "e con arraigo, que se converteu no escaparate dun dos produtos esenciais da vida económica da comarca do Ribeiro, e de Leiro en particular", sinalou Rosendo Fernández, quen lembrou que esta celebración nace no ano 1963 como "un proxecto promocional do "Viño do Ribeiro" composto por diversas accións". A Festa da Vendima de Leiro é "un acto que pecha as actividades festivas da nosa comarca, sendo o último acto de exaltación do noso produto estrela, o viño do Ribeiro", sinalou o alcalde de Leiro.
Así mesmo, Francisco José Fernández explicou que esta celebración pretende "exaltar os labores agrícolas e de adega que se realizan para ao final conseguir o viño do Ribeiro".
O programa de actividades dará comezo ás 10.00 horas coa recepción de Acios ao concurso, para continuar ás 11.30 horas coa recepción a autoridades e convidados na Casa do Concello. Ás 12.00 horas será a lectura do pregón que nesta edición correrá a cargo de Marcos Pereiro, de "Mucha e Nucha", na praza do Cruceiro. O tradicional desfile de carrozas e charangas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira terá lugar ás 12.30 horas, e a esa mesma hora, terá lugar a segunda edición de coches clásicos.
Ás 14.00 horas comezarán as actividades instaladas no Salgueiral co XV Mercado Artesanal no que están confirmados "26 artesáns que procuramos que sexan todos da nosa provincia", sinalou Ramón Álvarez quen explicou que tamén se celebrará a primeira Mostra dos Viños de Leiro, continuando ás 14.30 horas co xantar popular. A Mostra dos Viños de Leiro é "unha das novidades deste ano que pretende rememorar o feito de que a primeira acción cooperativista de Galicia naceu en Leiro e para exaltar as bodegas que temos no municipio", explicou o alcalde de Leiro, quen dixo que "participarán 8 bodegas incluíndo as dúas cooperativas porque hai viticultores de Leiro que suministran uva a estas cooperativas".
A entrega de premios aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas será ás 16.30 horas, e neste senso, o concelleiro de Deporte e Cultura de Leiro explicou que para o concurso de Acios os premios serán de 90 euros para o primeiro posto, de 60 euros para o segundo e de 30 euros para o terceiro e, os premios do concurso de carrozas será para os adultos de 1.000 euros o primeiro premio, 750 euros para o segundo, 600 euros para o terceiro e de 400 euros para o cuarto posto, e para os nenos, o primeiro premio é de 400 euros, para o segundo de 300 euros e para o terceiro son 200 euros de premio, aínda que tamén premiarán a participación no concurso con 50 euros. Despois da entrega de premios haberá actividades infantís e continuará a festa no Salgueiral.
O deporte chegará ás 17.45 horas coa celebración do partido de presentación do C.F. Leiro contra o C.F. Cortegada. Ás 20.00 horas será a quenda para a música co concerto de Corais da Vendima e ás 21.00 horas tamén haberá unha actuación musical como peche das actividades da xornada.