Desenrolado por coroa.es
Dende a Mesa pola Normalización Lingüística do Carballiño / O Ribeiro non deixamos de ficar sorprendidos pola “publirreportaxe” publicada en Faro de Vigo na que o señor Marnotes, actual alcalde do Carballiño se autoproclama pouco menos que o responsábel de que a lingua galega se continúe a falar maioritariamente na Comarca do homónima.
Para demostralo exhibe unha serie de feitos e logros, que non imos discutir (os feitos, que outra cousa son os logros) mais si cualificar de mera propaganda e xustificación dunhas actuacións que, ben ao contrario se caracterizaron e caracterizan por todo o contrario.
O que si xa non se pode consentir e que uns datos que son comarcais e que teñen a ver con moitas causas entre as que hai a ver evidentemente o carácter rural do resto de concellos que a compoñen, se terxiversen para facernos crer que son datos do propio Concello do Carballiño. Convido aos nosos gobernantes a que dean un paseo pola vila e que falen coas crianzas que se atopen pola rúa a ver cantas lle responden en galego e cantas en castelán. Esa é a realidade sociolingüística do concello e non a xustificación duns cartos mellor ou peor gastados.
Resulta ademais curioso o xeito habelencioso que ten o señor alcalde para dar a volta a unha tortilla cuxos ingredientes son ben outros dos que el di. Dende A Mesa pola Normalización Lingüística vémolo deste outro xeito:
Sinalización en lugares públicos en castelán cando a normativa municipal obriga ao contrario; flirteos coa lingüística (lembremos o caso pulpo); menosprezo a cidadáns que tan só pedían información ao seu concello na súa lingua de elección; recibos bilingües castelán-inglés (obviando o galego) e, para rematar este ano, carteis de Feliz Navidad!, un deles retirado da propia casa consistorial con nocturnidade; e sen esquecer que o servizo telefónico, a centraliña municipal, responde en castelán por defecto cando un veciño ou veciña, independentemente da lingua que use, chama ao concello. A páxina web na súa versión en galego soe presentar erros grandísimos, erros que demostran unha tradución automática dos textos feitos previamente en lingua castelá. E despois o señor Marnotes presume de defender a lingua galega… onde? Que acontece? Seica chegan as eleccións e agora queren ir de galeguistas? Seica esquece algúns plenos nos que, aínda na oposición, empregaba o castelán defendendo a falacia da imposición lingüística?
Dende A Mesa pola Normalización Lingüística praceríanos que se fixera algunhas reflexións. A primeira se saben en que País está O Carballiño e a lingua que maioritariamente (pese a todo e por sorte segue sendo así) falan os e as veciños e veciñas deste pobo, que non é outro que o galego, mais ese galego fálase non grazas ao Partido Popular nin A mesa pola Normalización Lingüística (faltaría máis), fálase porque forma parte deste pobo dende hai centos e centos de anos e fálase porque os galegos e galegas así o decidimos, non porque o Concello do Carballiño monte un obradoiro de instrumentos tradicionais ou deixe estrado o chan con poemas deste ou daquel autor homenaxeado un día no ano.
Nós tan só lle pedimos que lea e respecte a normativa que existe sobre a nosa lingua, tanto a municipal como a autonómica (xa sen falar dalgunhas estatais e mesmo europeas) nas que se di que se deberá dar prioridade á lingua galega por ser, en primeiro lugar, a lingua propia de Galiza e despois por ser unha lingua en claro retroceso lingüístico e con perda de falantes alarmante.
Deixémonos de “publirreportaxes” cara á galería e arrimemos o ombreiro para que a nosa lingua, como dicía Cunqueiro, poida gozar de mil primaveras máis.
O Carballiño, 11 de decembro de 2014
Eladino Cabanelas
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/da-mesa-pola-normalización-lingüística-sobre-o-concello-do-carballliño
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/da-mesa-pola-normalización-lingüística-sobre-o-concello-do-carballliño
[3] whatsapp://send?text=Da Mesa Pola Normalización Lingüística sobre o concello do Carballliño http://copecarballino.es/denunciacidada/da-mesa-pola-normalización-lingüística-sobre-o-concello-do-carballliño
[4] https://copecarballino.es/print/41929