Desenrolado por coroa.es
Dna. Sofía Sieiro González, veciña do Carballiño con DNI 34986556Z, en nome e representación da Plataforma de Afectados e Afectadas pola Suba das Matrículas do Conservatorio/ Escola de Música do Carballiño, e en apoio ao alumnado do mesmo
MANIFESTA:
O malestar e preocupación de pais, nais e alumnado pola falla de profesorado para impartir as aulas de Educación Auditiva, Linguaxe Musical e da Especialidade de Percusión, que están provocando a perda dun tempo moi valioso na aprendizaxe destas materias. O malestar destes afectados e afectadas vese incrementado ao constatar que dende o concello non se están a dar os pasos requiridos para a solución do problema.
Sabedores dos dereitos que os amparan e sentíndose en desigualdade co alumnado dos demais cursos e/ou especialidades, dereitos dados polo pagamento das matrículas correspondentes e dos servizos aos que este pagamento obriga por lei, que non son outros máis que a obtención da preparación e dos coñecementos necesarios para avanzar na súa formación musical
SOLICITA:
1. A recuperación das horas perdidas, nomeadamente para os que teñen que participar nas probas de acceso a nivel, entre o período no que rematan as aulas e o día no que se realizan as devanditas probas de aceso. Para os demais chegar a un acordo para poder recuperar as horas perdidas nunhas datas e horarios axeitados.
2. Que o Concello do Carballiño axilice os protocolos de substitucións do profesorado, máxime cando a situación de baixa prolongada, permite saber coa suficiente antelación a reincorporación ou non do ensinante afectado, o que significa na praxe ter preparada uns días antes a documentación necesaria.
3. Ofrecer máis información e dun xeito máis directo aos pais/nais e usuarios/as en xeral. Consideramos que simples notas nas portas de acceso ao Conservatorio non son de recibo nos tempos de hoxe; máxime cando se corre o risco de que non sexan lidas polos afectados, como xa pasou nalgunha ocasión como na que unha menor ficou soa no Conservatorio, sen aulas e cos seus pais traballando. Como en calquera outro centro de ensino os pais e nais depositamos a nosa confianza nos responsables como custodios e coidadores dos nosos fillos. Sucedidos coma estes fan perder a confianza no centro e na súa organización. Dato que nos parece grave e nos alerta de deficiencias na planificación e organización.
4. A reposición da parte proporcional da matrícula polas horas perdidas, no caso último de que as aulas non sexan recuperadas, sempre e cando os afectados o soliciten por escrito.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/sobre-falla-de-profesorado-no-conservatorio-de-musica-do-carballino
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/sobre-falla-de-profesorado-no-conservatorio-de-musica-do-carballino
[3] whatsapp://send?text=Sobre a falla de profesorado no conservatorio de música do Carballiño http://copecarballino.es/denunciacidada/sobre-falla-de-profesorado-no-conservatorio-de-musica-do-carballino
[4] https://copecarballino.es/print/41957