Desenrolado por coroa.es
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, publicou un bando municipal para render homenaxe á lingua galega, a Manuel María e ao Cantigueiro de Orcellón.
Asemade, convida á veciñanza a participar mañá nos actos do Día das Letras Galegas. Neste bando, amósase orgullo e gratitude hacia Manuel María por terlle dedicado ao Carballiño e á comarca unha escolma de cantigas sobre os lugares máis senlleiros, os persoeiros e os oficios tradicionais, e lémbranse as iniciativas desenvolvidas polo concello en homenaxe ao poeta e á súa obra dende o pasado mes de abril.
Así, recóllese a reedición do Cantigueiro de Orcellón e o acto de presentación do mesmo; unha exposición e a lectura de cantigas e poemas o Día Internacional do Libro; unha pintura mural na Praza Maior; a edición dun marcapáxinas e o nomeamento de Fillo Adoptivo da Vila do Carballiño. Por outra parte, xa está instalada, a carón da fonte de Flores, unha nova placa no monolito coa cantiga que Manuel María lle dedicou a esta fonte e que estaba completamente deteriorada por causa de actos incívicos.
Así, o itinerario do Cantigueiro de Orcellón, creado no ano 2005, volta a recuperar o seu aspecto orixinal. En concreto, son sete os monolitos instalados: Praza Maior, Fonte do Concello, Fonte de Flores, Eira de Flores, A Feira (na praza das Galiñas), o Templo da Veracruz e a Pena dos Namorados. Este itinerario vai ser o protagonista dos actos organizados polo concello para festexar mañá o Día das Letras Galegas.
Comezará ás 12,30 h., e desenvolverase na Praza Maior. Neste acto colabora Aspadisi, que será protagonista da homenaxe a Manuel María e ao Cantigueiro de Orcellón. Asemade, está previsto realizar a continuación un percorrido por este itinerario do Cantigueiro de Orcellón.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-conmemora-o-dia-das-letras-galegas-dedicado-ao-poeta-manuel-maria
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-conmemora-o-dia-das-letras-galegas-dedicado-ao-poeta-manuel-maria
[3] whatsapp://send?text=O Carballiño conmemora o día das letras galegas, dedicado ao poeta Manuel María http://copecarballino.es/novas/o-carballino-conmemora-o-dia-das-letras-galegas-dedicado-ao-poeta-manuel-maria
[4] https://copecarballino.es/print/45949