Desenrolado por coroa.es
Máis de vinte artistas afeccionados pintarán este domingo as prazas, os monumentos e os lugares emblemáticos do Carballiño.
Trátase da I Mostra de Pintura na Rúa, que organiza a concellería de Cultura en colaboración con artistas, obradoiros de pintura, como o de Mari Carmen, e a librería Escolma, que agasallará aos artistas máis novos con estuches de debuxo.
Precisamente, das 22 persoas inscritas, máis da metade son nenos e mozos de entre 11 e 16 anos.
A Fonte do Concello, a Fonte de Flores, diversas perspectivas do Balneario (dende o sendeiro do Arenteiro, dende o estanque de San Roque, dende o Lavadoiro de Toscaña, dende a ponte de Toscaña), a escultura dos Irmáns Prieto no Parque e a Piscifactoría son algúns dos monumentos e lugares que se van a pintar. E incluso hai uns horarios establecidos, así, as fontes, entre as 10,00 e as 11,30 h.; o Balneario, a partir das 12,00 h., e pola tarde a partir das 16,00 h; a escultura dos Irmáns Prieto, entre as 18,00 e as 20,00 h., e a Piscifactoría, a partir das 19,00 h. Sen embargo poderanse ver artistas pintando ou debuxando noutras prazas da vila a partir das 10,00 h., e ata as 20,00 h.
A iniciativa pretende dar a coñecer e levar á rúa a arte pictórica e, ao mesmo tempo, desenvolver unha actividade solidaria, xa que as obras donaranse ao centro de Aspadisi.
Asemade, de entre todas elexirase unha pintura que será o cartaz da II Mostra de Pintura na Rúa e quedará exposta no concello permanentemente. Asemade, con todas as obras realizarase unha exposición que se poderá ver durante todo o mes de xullo na casa consistorial.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/artistas-afeccionados-pintaran-os-monumentos-e-os-lugares-emblematicos-do-carballino
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/artistas-afeccionados-pintaran-os-monumentos-e-os-lugares-emblematicos-do-carballino
[3] whatsapp://send?text=Artistas afeccionados pintarán os monumentos e os lugares emblemáticos do Carballiño http://copecarballino.es/novas/artistas-afeccionados-pintaran-os-monumentos-e-os-lugares-emblematicos-do-carballino
[4] https://copecarballino.es/print/46077