Desenrolado por coroa.es
O equipo gobernante de Piñor, vén de amosar, de novo, unha actitude que se podería definir como falta de respecto institucional. Como é ben sabido, o vicepresidente da Xunta visitou Piñor en tanto que representante do goberno de todos os galegos e non só dunha parte.
Os concelleiros do grupo municipal socialista son representantes elixidos pola veciñanza de Piñor, nembargante, non foron avisados da visita de Alfonso Rueda. De todos os xeitos, dende o PSOE de Piñor non se amosan sorprendidos ante esta falta notoria de respecto por parte do goberno municipal, nin de que non os avisasen desta visita ou os convidasen a asistir posto que, no transcurso deste ano e medio que levan gobernando, teñen dado mostras sobradas de respectar ben pouco todas as normas do bo goberno.
O escurantismo e opacidade coa que gobernan o Concello comeza a ser a tónica habitual do seu modelo de xestión, exercendo pouca ou nula transparencia e evitando ter que render contas perante a cidadanía ou os seus representantes democraticamente escollidos. O que si sorprende ós socialistas é que, dende a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, non se sexa máis coidadoso nestas cuestións do respecto institucional. Tal como destaca o Portavoz do PSOE de Piñor, Francisco José Fraga Civeira: “En democracia, as formas son moi importantes, así coma o respecto pola participación plural”.
É convinte lembrar que, en Piñor, o grupo municipal maioritario é o socialista e que foi apartado polo pacto entre o PP e unha forza pseudo nacionalista ou transversal. Algo inédito en Galicia pois Piñor foi o único municipio onde o PP ten a alcaldía non sendo a forza máis votada. Algo que bota terra enriba do mantra que os dirixentes do PP, entre eles o propio Rueda, repiten elección tras elección: que debe gobernar a lista máis votada. Se cadra, foi esta incoherencia, a que os levou a non convidar ós membros do grupo socialista, posto que deixaría en evidencia ó propio Partido Popular e o que predican. Destaca Fraga Civeira, así mesmo, que: “Foi unha mágoa non poder estar presentes na visita porque aproveitariamos para facer sabedor ó Vicepresidente da Xunta de todas as deficiencias da obra, subvencionada pola súa consellería: o asfaltado dunha finca rústica, repleta de carballos que foron cortados, para construír un aparcamento innecesario.
A desfeita do entorno natural vai ser o que defina esta actuación da Xunta. Ata o de agora, nos anos que leva funcionando o velorio, houbo aparcamento sen maiores inconvenientes e onde antes chegaban con dous voluntarios de protección civil, nos días dos funerais, agora cómpren catro. Teriamos a oportunidade de lle ensinar o mal que quedou o desaugamento das augas pluviais, e o mobiliario de xoguete (postes da luz máis propios dun parque infantil ó que igual que o banco) que se puxeron na parcela.
Tamén lle explicaríamos que esa parcela foi mercada durante o noso mandato coa intención de construír un centro de día residencial para prestarlle servizo ós nosos maiores, algo que si é unha necesidade no concello”. Dende o PSOE de Piñor consideran primordial que a cidadanía coñeza cales eran as prioridades dun equipo gobernante e doutro, namentres o goberno socialista de Piñor, puxo o acento nas necesidades sociais, os actuais gobernantes fan chapuzas innecesarias con nulo respecto polo entorno natural, algo que non cumpría explicarlle ó Vicepresidente da Xunta, posto que salta a vista.
Asdo: Grupo socialista no concello de Piñor.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/do-psdeg-sobre-falta-de-respecto-institucional-no-concello-de-pinor
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/do-psdeg-sobre-falta-de-respecto-institucional-no-concello-de-pinor
[3] whatsapp://send?text=Do PSdeG sobre
[4] https://copecarballino.es/print/46474