Desenrolado por coroa.es
O PSdeG-PSOE de Leiro propón celebrar un encontro entre partidos políticos, colectivos veciñais e culturais, empresarios e técnicos, para potenciar a festa de vedima deste municipio ourensán, unha das celebracións máis lonxevas da provincia logo de sumar xa 29 edicións consecutivas. Segundo aprecian, nos últimos tempos, esta festa está a perder pulo ano tras ano “pola pouca implicación de todos e todas”, unha situación que queren reverter reuníndose sen demora para analizar que está a fallar, propoñer melloras e devolverlle así o brillo e o éxito que merece.
Os socialistas salientan que “fronte o cada vez maior éxito doutras celebracións da comarca como a Festa da Istoria”, en Leiro “ a festa está fallando en moitos aspectos, tanto na organización como nos diferentes apartados, carrozas, actividades paralelas ou publicidade, entre outros, debido á pouca implicación xeral tanto partidos políticos como de asociacións veciñais e culturais, hostalería, empresas locais, adegas ou colleiteiros, xa que o acto principal en forma de desfile de carrozas vai decrecendo co transcurso do tempo e, de feito, este ano houbo moi poucas carrozas”.
O portavoz municipal, Manuel Rodríguez, explica que “temos que reunirnos todos os implicados para evitar que siga esmorecendo e estudar a fondo no que estamos a fallar, xa que este ano, se non fora pola novidade da primeira mostra dos viños, que hai que recoñecer que estivo moi ben, a desfeita tería sido maior”. “Temos que potenciala máis; publicitala no exterior da provincia para que toda Galicia coñeza unha proposta tan interesante; aumentar a súa duración con un día máis; e sumar a novas adegas e colleiteiros”, asevera.
“Un bo espello no que podemos mirarnos para mellorar a organización da nosa celebración, é a coordinadora da Festa da Istoria de Ribadavia”, salienta o portavoz socialista antes de recordar que “a través desa sólida coordinadora canalízanse todas e cada unha das actividades que alí se realizan, que son moitas e todo tipo, e así acadan tantísimo éxito todos os anos, polo que se nós facemos o mesmo e atendemos as demandas de todos os implicados mediante unha coordinadora similar, poderemos lograr que a Festa da Vendima sexa un encontro de todos os veciños e veciñas, e non só do partido que goberna nestes momentos no concello, que é o PP”. Rodríguez recorda que “canto máis traballo consensuado academos, máis éxitos sumaremos para a festa máis importante do municipio”.
O PSdeG-PSOE de Leiro advirte que “de seguir con este formato de festa, pode suceder que a celebración se paralice ou incluso chegue a desaparecer, e por iso debemos buscar un punto de partida no cal esteamos todos e todas dacordo” para evitar o que sucede agora “no que o único que se busca é o beneficio duns poucos e non o beneficio do interese xeral de toda a veciñanza”. “Hai multitude de cousas que se poden facer para potenciar este proxecto, pero sempre desde a perspectiva da unión e non desde o individualismo para sacar un rédito exclusivo duns poucos”.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/do-psdeg-psoe-de-leiro-sobre-festa-da-vendima
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/do-psdeg-psoe-de-leiro-sobre-festa-da-vendima
[3] whatsapp://send?text=Do PSdeG-PSOE de Leiro sobre a Festa da Vendima http://copecarballino.es/denunciacidada/do-psdeg-psoe-de-leiro-sobre-festa-da-vendima
[4] https://copecarballino.es/print/48805