Desenrolado por coroa.es
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, animou os socios do Centro Partido do Carballiño a presumir de galeguidade durante os actos centrais de celebración do seu primeiro centenario, que tiveron lugar na sede da entidade coa presenza das delegacións municipais dos concellos do Carballiño e San Cristovo de Cea desplazadas con tal motivo a Buenos Aires, asi como o alcalde de San Amaro.
O titular galego da Emigración, acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, fixo extensiva a súa invitación a todos os galegos de América “nun día de ledicia para Galicia e para todos nós.
A conmemoración dun século de vida dunha entidade galega como a do Carballiño ten que ser un motivo de orgullo para todos e cada un dos galegos espallados polo mundo, porque implica que o lazo que nos une a todos a Galicia segue máis vivo ca nunca”.
O acto de conmemoración do centenario, que comezou cunha aperta simbólica cos grupos de baile, música e canto da colectividade, prolongouse ao longo de todo o día e xirou en torno ao xantar popular organizado polos socios da entidade e ás actuacións musicais do grupo de baile Airiños do Carballiño, entre outras.
O programa festivo deste pasado domingo, pon fin a preto dunha intensa semana de actividades culturais e sociais coas que os socios e as institucións públicas, entre as que se atopa a Secretaría Xeral da Emigración, quixeron celebrar a entrada do Centro Partido do Carballiño no reducido grupo dos centros galegos que contan con máis dun século de vida e esforzo en prol da colectividade galega na Arxentina.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-centro-partido-do-carballino-en-buenos-aires-celebrou-festa-do-seu-centenario
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-centro-partido-do-carballino-en-buenos-aires-celebrou-festa-do-seu-centenario
[3] whatsapp://send?text=O Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires celebrou a festa do seu centenario http://copecarballino.es/novas/o-centro-partido-do-carballino-en-buenos-aires-celebrou-festa-do-seu-centenario
[4] https://copecarballino.es/print/49143