Desenrolado por coroa.es
Os socialistas de Leiro critican que o alcalde do PP só arranxe os camiños calamitosos do municipio que empregan os seus acólitos, marxinando pasmosamente ó resto da veciñanza e creando veciños de primeira e de segunda. Nunha nova demostración da súa vergoñenta parcialidade, o rexedor conservador, Francisco José Fernández, decidiu aprobar durante o último pleno municipal, unha modificación de crédito de algo máis de 23.000 euros, co fin de mellorar un camiño de acceso á zona de Candendo, na localidade de Lebosende.
Sen embargo, nesa mesma aldea e nese mesmo camiño, os veciños e veciñas do barrio de Costa, situado un pouco máis arriba, deberán seguir a soportar problemas para acceder ás súas vivendas porque o Concello non ten proxecto algún para eles.
O portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Manuel Rodríguez, sinala que “é triste dicilo pero en Leiro hai veciños e veciñas de primeira e de segunda por culpa da vergoñenta parcialidade do alcalde”. “O rexedor non pode andar as agochadas, obviando e ignorando as necesidades de parte da veciñanza que mesmo cede os terreos particulares para proceder ás obras de mellora do camiño, mentres os seus acólitos recollen sinaturas para outras obras ás que si lle fai caso”, denuncia.
Os habitantes desta zona están indignados co trato que están a recibir por parte do goberno local e salientan que o Concello non soluciona o problema, a pesar do empeoramento do estado do camiño durante o inverno, unha época do ano na que se volve máis inseguro e problemático. O grupo municipal socialista considera “unha total discriminacion este tipo de decisións tan arbitrarias que, sen embargo, non son novas e reflicten perfectamente a actitude caciquil por parte do alcalde de Leiro, un municipio no que parece que teñen máis privilexios os veciños e veciñas do seu partido, e valen máis os cartos dos impostos dos seus que os cartos que paga o resto da veciñanza”.
“O deterioro desta vía é cada vez maior no acceso ó barrio de Costa, mentres o Concello queda de brazos cruzados e só traballa activamente para algúns”, destacan mentres recordan que o desleixo do PP coas necesidades máis básicas dos habitantes de Leiro non é nova. A disposición dos veciños e veciñas do barrio de Costa para facer estes arranxos tan necesarios é absoluta, polo que o PSdeG-PSOE achaca a decisión unicamente ós modos caciquís do alcalde popular e á proximidade das vindeiras eleccións municipais do ano 2019. “Doutro xeito non se entende esta preguiza e esta pasividade ante un asunto que preocupa moitísimo”, aseguran.
Os socialistas comparten plenamente as protestas da veciñanza de Lebosende afectada por esta pasmosa marxinación, e por iso reclaman que finalice o abandono secular ó que están sometidos por parte do equipo de goberno municipal conservador.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/caminos-en-calamitoso-estado-no-concello-de-leiro-e-discrimacions-do-alcalde-entre
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/caminos-en-calamitoso-estado-no-concello-de-leiro-e-discrimacions-do-alcalde-entre
[3] whatsapp://send?text=Camiños en calamitoso estado no concello de Leiro e as discrimacións do alcalde entre veciños http://copecarballino.es/denunciacidada/caminos-en-calamitoso-estado-no-concello-de-leiro-e-discrimacions-do-alcalde-entre
[4] https://copecarballino.es/print/49177