Desenrolado por coroa.es
Espazo Común denuncia “o afán recadador do Concello” que, tras perdoar débedas antes das eleccións municipais, reclama agora ós veciños o pago de tasas “pola recollida do lixo nos anos 2016, 2017, 2018 e 2019 que nunca antes foran remitidos aos interesados”.
Sen explicación algunha nin comunicación previa, dáselle a estes cidadáns tratamento de morosos ao reclamarlle débedas de catro anos atrás, aseguran dende ESCO.
O grupo municipal Espazo Común en O Carballiño denuncia que, antes das eleccións municipais, “tramitáronse unha morea de expedientes de cancelación de débedas para moitos particulares e empresas por non ter sido notificados en tempo e forma”. Espazo Común precisa que “foron beneficiados negocios e persoas moi coñecidas do Carballiño incluíndo, por exemplo, a exconcelleiros” ó non ter que pagar “multas e impostos municipais por non ser a empresa de recadación quen de localizalos durante cinco anos”.
Sinalan que, tras as eleccións, “cambia radicalmente a actitude e comezan a chegarlle a veciños de Arcos, Veiga, rúas do Carballiño e algunhas outras parroquias cartas nas que se lles esixe o pago con carácter retroactivo da taxa da lixo da que ata hai pouco estaban exentos”. Espazo Común salienta que “é certamente curiosa a transformación da política económica deste alcalde e a súa aplicación moito máis que reprobable por parte da empresa de recadación e os seus responsables.”
Espazo Común considera “unha tomadura de pelo que algo así se ocultara ata pasado o proceso electoral” e tamén considera que se trata “dunha nova proba da mentira masiva urdida por Fumega antes do 26 de maio”. O grupo municipal precisa que “é evidente que un expediente de regularización deste tipo non se elabora en dous meses e resulta aínda máis sospeitoso que se pase ao cobro no segundo semestre deste ano 2019 e non no primeiro” e conclúe que “a única explicación é que esta cuestión permanecera agachada nun caixón ata despois das eleccións para non enfadar aos votantes”.
Finalmente, esta formación política esixe a convocatoria dunha xunta de voceiros para que se dean explicacións satisfactorias para a cidadanía e que se “rectifique esta política interesada e caciquil na que se está sumindo o Concello do Carballiño”.
De non ser así, engade Espazo Común,“falaremos co resto de grupos da oposición e valoraremos forzar a convocatoria dun pleno extraordinario.”
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/espazo-comun-insta-ao-concello-rectificar-sua-politica-caciquil-e-abandonar-o-seu-afan
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/espazo-comun-insta-ao-concello-rectificar-sua-politica-caciquil-e-abandonar-o-seu-afan
[3] whatsapp://send?text=Espazo Común insta ao concello a rectificar a súa “política caciquil” e abandonar o seu “afán recadador”, tras constatar que está reclamando á veciñanza as taxas da recollida do lixo dos últimos catro anos sen que nunca antes foses notificadas http://copecarballino.es/novas/espazo-comun-insta-ao-concello-rectificar-sua-politica-caciquil-e-abandonar-o-seu-afan
[4] https://copecarballino.es/print/50880