Desenrolado por coroa.es
Con moito atraso con respecto á data prevista inaugurouse este sábdo 23 de Novembro, coa presenza do Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a área de autocaravanas do Monte de Cestos en Cotelas. Hai xa ben meses que se vían as obras rematadas, mais o recinto seguía pechado e sen movemento algún. Ante esa situación no pasado pleno preguntamos polas posibles trabas que impedían por esa obra en funcionamento.
A resposta como vén sendo habitual non aclarou nada; algo polo demais habitual nun gobernante ó que a transparencia lle é unha verba descoñecida. Tampouco é novo no actual mandatario de Piñor a falta de respecto institucional; así xa non nos sorprendeu que non nos convocase, ós concelleiros de Espazo Común, á devandita inauguración, pese a acudir a nós para que lle botaramos unha man coas asociacións de autocaravanas galegas. Ese comportamento maleducado xa o tivo en eventos anteriores e mesmo coa visita doutros conselleiros.
Explicarámoslle daquela o que significaba que o máximo representante dun concello amosase uns mínimos de educación e respecto cara outros representantes da cidadanía que non eran do seu partido, pero que teñen os mesmos dereitos ca el. Son principios básicos que deben de acompañar a calquera que se teña por demócrata. Con ese respecto institucional foi co que actuamos cando nos tocou gobernar, sempre convidamos a todos os concelleiros (incluído el), e mesmo á cidadanía, ás inauguracións e visitas institucionais de altos cargos a Piñor. Nada coma ir a hemeroteca e ver cando se inaugurou a ampliación do casa do concello, da nave de Cotelas, do centro social da Albarona, a visita do Presidente da Xunta de Galicia... Entendíamos que eramos representantes de toda a cidadanía, non só duns poucos, e que o que se inauguraba fora pagado con diñeiro público, de todos, e polo tanto era imprescindible que todo o mundo fose partícipe de algo que era seu.
Desgraciadamente xa nada é así en Piñor, estamos diante dun alcalde gravemente afectado pola soberbia do que pensa que unha maioría absoluta lle dá pé para facer o que queira, mesmo pasar por encima da lei, da educación e do respecto cara os que non pensan coma el. Dun alcalde que é incapaz de ter un mínimo xesto de agradecemento, e poñer (tal e como lle pedimos no pleno de hai 2 meses) unha placa na área de autocaravanas recoñecendo que os terreos onde se fixo foron cedidos dun xeito altruísta polos comuneiros do Monte de Cestos da parroquia da Canda, pouco máis se pode agardar.
Dende o grupo municipal de Espazo Común xa damos por perdido que o alcalde cambie de actitude e non nos queda máis ca lamentar esta situación e explicarlle á veciñanza o porqué da nosa ausencia hoxe. Faremos o mesmo co Conselleiro de Cultura e Turismo co cal nos poremos en contacto para explicarlle que o sucedido é alleo á nosa vontade e ó que nós entendemos por lealdade institucional.
Asdo: Francisco José Fraga, portavoz de Espazo Común no concello de Piñor.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/falta-de-respecto-e-lealdade-institucional-unha-actitude-constante-no-alcalde-de
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/falta-de-respecto-e-lealdade-institucional-unha-actitude-constante-no-alcalde-de
[3] whatsapp://send?text=Falta de respecto e lealdade institucional, unha actitude constante no alcalde de Piñor http://copecarballino.es/denunciacidada/falta-de-respecto-e-lealdade-institucional-unha-actitude-constante-no-alcalde-de
[4] https://copecarballino.es/print/52231