Desenrolado por coroa.es
O PSdeG-PSOE de Leiro acusa ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, de estar instaurado na “mentira constante” en relación ao servizo de abastecemento de auga municipal. As e os socialistas denuncian que a día de hoxe seguen producíndose “importantes” e “graves” fugas de auga na rede e sinalan ao rexedor e a Xunta de Galicia por “manipular a realidade” con anuncios a bombo e platillo para tratar de tapar as súas “graves” neglixencias”.
Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que a “manipulación” e as “mentiras” do PP, con respecto a realidade do servizo de abastecemento municipal de auga, “forman parte dunha campaña de publicidade do alcalde como xa fixo cas obras da ponte da Esperela ou o mosteiro de San Clodio, co único fin de agochar a súa nefasta xestión ao fronte do consistorio”. Tal e como relatan as e os socialistas de Leiro “estamos a decembro do 24 e as fugas persisten, xa que tal e como puidemos comprobar as fugas entre 2022 e 2023 supuxeron a perda de 293.629 metros cúbicos de auga, fronte a un consumo por parte da veciñanza de 177.322 m³”.
Pedro José González e Manuel Rodríguez Vázquez, concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, afirman que esta situación pon de manifesto que ao alcalde “non le interesa o benestar e a calidade de vida da veciñanza”. Neste senso tamén se amosan críticos coa “campaña publicitaria” que está levando a cabo o rexedor “ocultando a verdade a veciñanza coa situación da rede de abastecemento de augas, como xa fixeron antes noutras obras xa mencionadas”.
“Estamos ante un novo exemplo de deixadez e de abandono de funcións por parte dun alcalde máis pendente de saír na prensa a vender falsas inauguracións, que de solucionar os problemas da veciñanza”, apuntan González e Rodríguez. Os concelleiros socialistas lembran o informe do Consello de Contas de Galicia no que se valora a xestión do alcalde e presidente da mancomunidade do Ribeiro. “No mesmo recóllese a esixencia de xestionar e axustar ao coste real os servizos públicos financiados por taxas, é dicir pagados pola veciñanza, e que no caso da taxa da auga son das máis altas da comarca, a pesar dos problemas de fugas”.
Cronoloxía das “chapuzas” do PP na rede de abastecemento de auga
Dende o Grupo Municipal Socialista lembra que xa en lexislaturas anteriores advertiron da problemática da rede de auga, que no período de 2015 a 2021 perdeu uns 973.333 m³ de auga, fronte a un consumo de 535.087 por parte da veciñanza. Ante esta denuncia do PSOE, o alcalde de Leiro e a alcaldesa de Boborás trataron de tapar a súa “neglixencia” na xestión do servizo municipal de auga, pedindo á Xunta que incluíse no plan de colaboración con ambos concellos a financiación do arranxo das fugas.
A Xunta de Galicia, por falta de orzamento no 2021, incluíu nos orzamentos de 2022 esta actuación, licitándose a obra en maio de 2022, cun investimento de 360.000 euros. Na licitación, a Xunta argumentou a financiación da obra aludindo por mor “da antigüidade da condución que xera frecuentes roturas no tramo de captación de auga no Viñao e na propia ETAP, provocando fallos de subministro á poboación”. Situación que en palabras das e dos socialistas “tirou por terra as mentiras do alcalde, que xustificaba os cortes de auga polo aumento da poboación en época estival”.
En novembro de 2022 a Xunda adxudica a obra ao servizo municipal de abastecemento de auga de Leiro, un ano despois dun delito medio ambiental que non estaba resolto. Chegados a 2024, as fugas persisten e a rede segue sen funcionar correctamente polo que o PSdeG-PSOE de Leiro esixe “solucións urxentes ante esta problemática”.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/sobre-chapuzas-e-mentiras-do-alcalde-de-leiro-en-relacion-ao-servizo-municipal-de
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/sobre-chapuzas-e-mentiras-do-alcalde-de-leiro-en-relacion-ao-servizo-municipal-de
[3] whatsapp://send?text=Sobre as chapuzas e as mentiras do alcalde de Leiro en relación ao servizo municipal de abastecemento de auga http://copecarballino.es/denunciacidada/sobre-chapuzas-e-mentiras-do-alcalde-de-leiro-en-relacion-ao-servizo-municipal-de
[4] https://copecarballino.es/print/67920