Desenrolado por coroa.es
O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o “lamentable” cinismo do que fixo gala nas súas intervencións o representante do Partido Popular no Parlamento de Galicia, en relación coa xestión do mosteiro hotel de San Clodio. As e os socialistas amosan a súa “total” repulsa ao que consideran un “desprezo” por parte do PP cara á veciñanza de Leiro e da comarca do Ribeiro.
Dende o grupo municipal socialista explican que o contrato da concesión de San Clodio “é un exemplo dos investimentos clientelares que a Xunta de Galicia, co PP ao fronte, vén facendo sempre na comarca do Ribeiro”. Neste senso, as e os socialistas consideran que “este é o vivo exemplo de que cando goberna o PP considera que o diñeiro público de todos e todas pode ser xestionado ao libre albedrío e sen que ninguén teña dereito a fiscalizalo”.
Os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez e Pedro José González, pregúntanse “como pode afirmar o PP dende un principio que a remodelación do mosteiro de San Clodio ía ser destinada a usos turísticos?”. Neste senso os edís socialistas apuntan a que “basta con revisar a hemeroteca para comprobar que a formulación inicial que se lle vendeu a veciñanza era a instalación dunha escola agraria con residencia e da que se derivou un alugueiro de terreos nos arredores do mosteiro por 7.000 euros ao ano, máis IVA e gastos de mantemento, o que lle supuxo ao concello nestes 24 anos un total de 214.124,78 euros máis IVA e gastos de limpeza”.
Rodríguez e González tamén se cuestionan “por que a Xunta se negou de xeito sistemático a facilitar, en todos estes anos, as cláusulas que regulaban o contrato coa concesionaria”, xa que tal e como deixan entrever “quizais atoparíamos as obrigacións incumpridas da Xunta de Galicia de vixiar, controlar e facer cumprir o contrato coa concesionaria”. Unha situación que en palabras dos concelleiros socialistas “amosa a complicidade da Xunta coa concesionaria”.
Os edís socialistas tamén poñen o foco nos peches temporais do hotel, sinalando que “a Xunta negaba aos mesmos, pero cando estes se producían miraban para outro lado, a pesar das queixas da veciñanza e dos representantes da oposición no concello e no Parlamento de Galicia”. Dende o PSOE de Leiro tamén critican a postura do PP cando afirman que a os 12 millóns de investimento na remodelación no mosteiro no seu conxunto e no spa do viño de San Clodio “é un motor económico dinamizador da zona e xerador de postos de traballo”. Algo que segundo as e os socialistas “é rotundamente falso e os datos matan o relato, pois a comarca e o concello non fixo outra cousa que perder habitantes dende o ano 2000”.
O PSOE de Leiro tamén denuncia a postura do rexedor do municipio, o popular Francisco José Fernández, ao que acusan de “ser a correa de transmisión do PP no concello de Leiro, intervindo na firma do contrato coa Xunta e a concesionaria”. Neste senso acúsano de “non antepor os intereses e o benestar da veciñanza por riba dos intereses clientelares dos amigos do Partido Popular, aínda que dentro do seu catálogo de mentiras e manipulación, sempre se esforzou en crer que era así”. Tamén lembran que “todo o investimento público en Leiro é privatizado, como a planta de compostaxe, o centro de día ou o hotel de San Clodio, e veremos agora que acontece co balneario de Berán” e apuntan a que “non se crean postos de traballo para a veciñanza”.
Manuel Rodríguez e Pedro José González finalizan subliñando que “despois de máis de 8 anos de traballo de campo por parte dos socialistas de Leiro, puidemos comprobar que o PP, cando goberna, fainos crer que goberna para todos, pero só o fai para os seus, uns para que lles axuden a gañar o ceo e outros para que os conviden a pasearse polo Foro da Toxa”.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-cinismo-do-pp-en-relacion-xestion-do-hotel-monumento-de
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-cinismo-do-pp-en-relacion-xestion-do-hotel-monumento-de
[3] whatsapp://send?text=O PSOE de Leiro denuncia o cinismo do PP en relación á xestión do Hotel-Monumento de San Clodio http://copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-cinismo-do-pp-en-relacion-xestion-do-hotel-monumento-de
[4] https://copecarballino.es/print/68387