Desenrolado por coroa.es
O Concello do Carballiño pecha este xoves dia 18 de setembro as portas da oficina turística despois dun verán de récord de visitantes. Polas instalacións municipais, ubicadas no centro da vila, pasaron máis de 1.300 persoas durante os meses de xullo e agosto, o que dá conta do atractivo do patrimonio cultural, natural e gastronómico do municipio.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, amosa a súa satisfacción polas cifras, que superan o milleiro de visitantes rexistrado no verán de 2024. “Estamos moi satisfeitos de como foi a campaña estival e queremos seguir mellorando e dando a coñecer as xoias que temos no Carballiño”, apunta.
A maioría dos turistas chegaron desde diferentes puntos de España, principalmente Galicia, Madrid (o 20% do total de visitantes), Andalucía e Cataluña. No referente ao turismo internacional, México, Portugal e Francia foron os principais países, seguidos de Alemaña e Arxentina.
No referente ao perfil dos visitantes, as persoas de máis de 50 anos representaron case a metade do público (48% do total), o que reflicte a relevancia cada vez maior do turismo sénior, seguidas do tramo de idade de entre 30 e 50 anos. O groso de visitantes estivo composto por grupos familiares.
Por tipo de aloxamento, a maioría de visitantes pernoctaron no termo municipal do Carballiño, ficando a maior parte nos establecementos hoteleiros do Carballiño, e na Residencia de Tempo Libre situada no Parque Municipal, así como nas casas rurais dispoñibles na comarca. Do mesmo xeito, sen ser a maioría, foron múltiples as persoas que se achegaron a pasar o día no Carballiño.
Este xoves a oficina pecha as súas portas, pero as persoas que cheguen ao Carballiño poderán solicitar información turística e cultural nas dependencias municipais.
Pola súa parte, o Museo do Muíño do Anxo, situado no parque etnográfico do río Arenteiro, tamén contou cunha gran afluencia de visitantes durante os meses de verán. Preto de 800 persoas percorreron as instalacións do equipamento para coñecer os segredos da vida dos muiñeiros. De novo, a maioría dos turistas chegaron desde outras partes de Galicia e desde Madrid.
Prácticas do programa integrado de emprego
Este verán, a oficina de turismo do Carballiño formou parte das prácticas do programa integrado de emprego do Concello de San Amaro. Durante os meses de verán, cinco alumnos e alumnas (dous deles, usuarios de Aspadisi) realizaron as súas prácticas e finalizaron a súa formación no espazo municipal. A experiencia foi “moi enriquecedora” e permitiulles poñer en práctica os coñecementos adquiridos previamente, gañar seguridade, adquirir máis habilidades sociais e prepararse para a futura búsqueda de emprego, tal e como detalla a coordinadora do programa, Mari Carmen Limia.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/mais-de-2000-persoas-pasaron-este-veran-pola-oficina-municipal-de-turismo-e-visitaron-o-museo
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/mais-de-2000-persoas-pasaron-este-veran-pola-oficina-municipal-de-turismo-e-visitaron-o-museo
[3] whatsapp://send?text=Maís de 2.000 persoas pasaron este verán pola oficina municipal de turismo e visitaron o museo do Muiño http://copecarballino.es/novas/mais-de-2000-persoas-pasaron-este-veran-pola-oficina-municipal-de-turismo-e-visitaron-o-museo
[4] https://copecarballino.es/print/69125