Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (https://copecarballino.es)

Inicio > O PSOE de Leiro denuncia o "comportamento sectario e total falla de transparencia" do goberno municipal do PP en Leiro.

10, Outubro 2025 [1] [2] [3] [4]

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a “total falla de transparencia” do goberno municipal do Partido Popular nun acto institucional celebrado no CEIP de Leiro e no que, unha vez máis, non se informou, nin se convidou á oposición municipal. As e os socialistas consideran que este “comportamento sectario” do alcalde e do seu equipo de goberno “non pode continuar” e pídenlles que “muden este xeito de actuar e se teña en conta á oposición, que tamén foi elixida democraticamente pola veciñanza”.

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar un escrito por rexistro e dirixido ao rexedor para solicitar explicacións ante a celebración deste acto no CEIP de Leiro, no que non se contou coa oposición. As e os socialistas apuntan que no acto, que contou coa presenza do tenente de alcalde e do concelleiro de deportes do PP “repartíronse camisetas e suadoiros financiadas con cartos públicos”.

Dende o PSOE de Leiro consideran que este acto representa “unha grave falta de transparencia e un comportamento sectario por parte do equipo de goberno do Partido Popular. Os concelleiros socialistas, Pedro José González e Manuel Rodríguez, sinalan que “non é aceptable que se utilicen recursos públicos para accións con claros trazos propagandísticos e nos que se exclúe de xeito deliberado aos concelleiros da oposición”.

As e os socialistas lembran que a súa función como oposición “é defender o interese xeral, a igualdade de trato e a limpeza institucional” e anuncian que “continuaremos vixiando o uso dos recursos municipais para garantir que se empreguen con responsabilidade e transparencia”.

Ante a gravidade da situación, o grupo municipal socialista de Leiro solicita oficialmente que se informe de quen financiou e autorizou a compra e o reparto do material, cal foi o custo total da actividade e con cargo a que partida orzamentaria se realizou. Ademais reclaman que no futuro “se respecte a obrigatoria transparencia municipal e se dea conta á corporación de calquera acto realizado no municipio con fondos públicos, especialmente cando afecta ao centro educativo ou a outras instalacións municipais”.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:https://copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-comportamento-sectario-e-total-falla-de-transparencia-do

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-comportamento-sectario-e-total-falla-de-transparencia-do [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-comportamento-sectario-e-total-falla-de-transparencia-do [3] whatsapp://send?text=O PSOE de Leiro denuncia o [4] https://copecarballino.es/print/69203