Desenrolado por coroa.es
O Carballiño vén de superar neste mes de outubro a histórica cifra dos 15.000 habitantes no seu padrón municipal, un fito que se acada por primeira vez na historia da vila e do que deu conta esta mañá o alcalde, Francisco Fumega, baixo o lema “Xa somos 15.000”, acompañado polo tenente alcalde, José Castro.
O rexedor destacou que se trata dun feito de gran relevancia non só para O Carballiño, senón tamén para a provincia de Ourense, xa que é a primeira vez que unha vila ourensá supera esta cifra, ademais da capital provincial, que o fixo en 1.900. 125 anos despois, únese a capital do Arenteiro.
“O Carballiño medra, e un pobo que medra é síntoma do músculo económico e social que o fai posible”, puxo en valor o alcalde.
Fumega subliñou tamén que O Carballiño “é hoxe unha excepción dentro da tendencia xeral de perda de poboación en Galicia, especialmente nas zonas de interior e na provincia de Ourense, e que este crecemento demostra que cun modelo municipal diferente —centrado na calidade de vida, o emprego, a cultura, a natureza e a gastronomía— é posible reverter esa tendencia e atraer nova poboación”.
O alcalde lembrou que superar os 15.000 habitantes era un dos obxectivos principais do goberno municipal para o presente mandato, e que se logrou cando só transcorreron dous dos catro anos, grazas en parte á campaña de empadroamento posta en marcha a comezos do mesmo.
Segundo os datos do padrón municipal, o pasado 6 de outubro O Carballiño alcanzou os 15.023 habitantes, mentres que o último dato oficial do INE, de xaneiro de 2024, situaba a poboación en 14.075 persoas. É dicir, case un milleiro máis en pouco máis dun ano.
O Carballiño, unha excepción positiva en Ourense
Ata agora, Ourense era a única provincia galega onde só a capital superaba os 15.000 habitantes. Pola contra, A Coruña conta con 13 localidades, Pontevedra con 15 e Lugo con dúas por riba desa cifra.
“Nun panorama coñecido como é o da Galicia despoboada, O Carballiño conseguiu medrar e facelo, ademais, sendo unha vila do interior. Unha boa nova que fala do dinamismo que ten o concello. Unha poboación repartida no territorio é tamén un modelo máis enriquecedor e xusto”, declarou o alcalde.
O Carballiño convértese así nun caso único e esperanzador, que demostra que o interior galego pode medrar cando se ofrecen oportunidades e unha boa calidade de vida.
O crecemento poboacional non se debe ao saldo vexetativo —que continúa a ser negativo-, senón ao atractivo da vila para vivir e traballar. A maioría das novas altas no padrón corresponden a persoas procedentes de Latinoamérica, o que converte O Carballiño nun referente de integración e convivencia.
A isto súmase o dato de paro máis baixo desde que hai rexistros, actualmente por debaixo do 11%, e a ampliación en marcha do Polígono Industrial, principal motor económico e de emprego da comarca.
Un impulso para seguir medrando
Dende o Concello destácase que o paso da barreira dos 15.000 habitantes é moito máis ca unha cifra simbólica: representa a vitalidade da vila e serve como acicate para seguir mellorando os servizos públicos e consolidar o crecemento.
“Este é un logro polo que felicitarnos pero ten que ser un paso ao futuro para seguir medrando. O Carballiño ten que ser un sitio onde vivir, onde medrar e onde emprender”, declarou o tenente alcalde, José Castro.
Se pechamos o ano con estes datos, poderiamos optar a maiores fondos para todas as obras chave desta vila, como o Centro de Saúde”, engadiu.
O goberno local manterá a campaña de empadroamento e continuará presentando O Carballiño como un lugar ideal para vivir, traballar e desfrutar, cun estilo de vida saudable, unha ampla oferta cultural e un entorno natural e gastronómico privilexiado.
Un salto poboacional para superar a barreira dos 15.000 habitantes que consolida O Carballiño como referencia de dinamismo e progreso no interior de Galicia.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-alcanza-os-15000-habitantes-no-padron-continuo-deste-mes-de-outubro-agas-capital
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-alcanza-os-15000-habitantes-no-padron-continuo-deste-mes-de-outubro-agas-capital
[3] whatsapp://send?text=O Carballiño alcanza os 15.000 habitantes no Padrón Contínuo deste mes de outubro, agás a capital, o único concello que o fai na historia da provincia. http://copecarballino.es/novas/o-carballino-alcanza-os-15000-habitantes-no-padron-continuo-deste-mes-de-outubro-agas-capital
[4] https://copecarballino.es/print/69233