Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (https://copecarballino.es)

Inicio > Do PSOE sobre a "falla de transparencia no concello de Leiro"

10, Novembro 2025 [1] [2] [3] [4]

O PSdeG-PSOE de Leiro considera “inaceptable” a sucesión de resolucións de cambios de candidatos e renuncias a un proceso financiado con fondos europeos para a contratación do programa “limpeza forestal xuvenil 2025”. As e os socialistas piden ao goberno municipal que asuma “as súas responsabilidades políticas” neste proceso ante o que consideran unha “tomadura de pelo”. Denuncian que o proceso “é un caos”, no que a transparencia “brilla pola súa ausencia”.

Dende o grupo municipal socialista explican que este programa de contratación xuvenil está financiado pola Xunta de Galicia, a través de fondos europeos, e a selección debe realizarse mediante oferta pública, a través da oficina de emprego. Asemade, tal e como apuntan, o concello, neste tipo de programas “debe limitarse a cumprir o procedemento establecido e respectar a orde e criterios da administración competente, sen interferencias, nin decisións arbitrarias”.

Tal e como explican os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Pedro José González González e Manuel Rodríguez Vázquez, “o 4 de novembro, o concello aprobou unha resolución de contratación e o día 5 rexistrouse xa unha renuncia e substitución inmediata da persoa seleccionada”. Neste senso, os edís socialistas apuntan que a resolución posterior “nomea outro candidato sen aclarar se se respectaron as listas oficiais, nin os criterios da oficina de emprego”.

Ante esta situación, os edís socialistas teñen claro que esta cadea de decisións “irregulares” xera dúbidas sobre “a transparencia e o control do proceso, e podería supor unha desviación dos obxectivos do programa europeo”. González e Rodríguez destacan que “non se pode xogar coa ilusión da mocidade, nin cos cartos europeos que debería servir para garantir un emprego digno e transparente”. Ambos teñen claro que o concello está actuando a base de “improvisación e con total opacidade”.

Ante a situación xerada, dende o PSdeG-PSOE de Leiro veñen de solicitar o expediente completo e tódalas comunicacións coa oficina de emprego, darán traslado a Valedora do Pobo, á consellería de Emprego e ao Consello de Contas de Galicia, e esixen responsabilidades políticas se se confirma trato de favor ou manipulación no proceso. “Leiro necesita decencia e non dedazos”, afirman dende o PSOE, antes de apuntar que “non podemos permitir que os programas xuvenís se convertan en ferramentas de propaganda ou recompensa pública”.

Por último, dende o PSdeG-PSOE de Leiro lembran que tanto o artigo 23.2 da Constitución Española como o artigo 53 do Estatuto Básico do Empregado Público “garanten o acceso ao emprego público en condicións de igualdade, de mérito e de capacidade”.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:https://copecarballino.es/denunciacidada/do-psoe-sobre-falla-de-transparencia-no-concello-de-leiro

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/do-psoe-sobre-falla-de-transparencia-no-concello-de-leiro [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/do-psoe-sobre-falla-de-transparencia-no-concello-de-leiro [3] whatsapp://send?text=Do PSOE sobre a [4] https://copecarballino.es/print/69330