Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (https://copecarballino.es)

Inicio > A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á ampliación do parque empresarial O Carballiño-Maside

18, Novembro 2025 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose) para a ampliación do parque empresarial do Carballiño-Maside.

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Non obstante, inclúe condicionantes en distintos aspectos como a integración paisaxística e fluvial, a protección do patrimonio cultural existente na contorna, a xestión dos recursos hídricos -o abastecemento, saneamento e xestión das augas pluviais- e as limitacións de uso derivadas do ruído existente.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta de preto dunha decena de organismos públicos interesados e tanto o borrador de Peose como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións oportunas.

Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Cómpre lembrar que o obxectivo do Peose é planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para a ampliación do polígono industrial do Carballiño-Maside, un desenvolvemento previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg).

O ámbito de actuación do Peose é un espazo de máis de 90 hectáreas de extensión que se reparten en máis de 64 hectáreas de terreo correspondentes ao sector delimitado no concello de Maside, algo máis de 24 hectáreas do sector do Carballiño e arredor de catro hectáreas de terreos necesarios para levar a cabo as conexións para a infraestrutura viaria exterior e de servizos, fundamentalmente os relacionados co saneamento e abastecemento de auga.

O solo afectado no caso do concello do Carballiño supón a ampliación da zona industrial existente no límite leste do municipio e comprende un espazo baleiro inserido nunha contorna urbanizada ocupada por usos industriais, residenciais e dotacionais. O sector de Maside é un espazo de características máis rurais enmarcado entre varias infraestruturas de comunicación e o núcleo de Dacón, situado ao sur.

O plan para ampliar o parque empresarial prevé varias zonas de ordenación da actividade industrial co fin de atender a demanda existente por parte do tecido produtivo e dar resposta ás necesidades futuras. Ao mesmo tempo incorpora zonas verdes, de estacionamento, sendas peonís e carril para os ciclistas -co obxectivo de humanizar a contorna e mellorar a súa integración paisaxística- así como a construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) para dar servizo e tratar as augas residuais xeradas no novo solo empresarial.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:https://copecarballino.es/novas/xunta-da-luz-verde-ambiental-con-condicions-ampliacion-do-parque-empresarial-o-carballino

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-da-luz-verde-ambiental-con-condicions-ampliacion-do-parque-empresarial-o-carballino [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-da-luz-verde-ambiental-con-condicions-ampliacion-do-parque-empresarial-o-carballino [3] whatsapp://send?text=A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á ampliación do parque empresarial O Carballiño-Maside http://copecarballino.es/novas/xunta-da-luz-verde-ambiental-con-condicions-ampliacion-do-parque-empresarial-o-carballino [4] https://copecarballino.es/print/69371