Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (https://copecarballino.es)

Inicio > O público infantil e familiar, gran protagonista do programa de nadal do concello do Carballiño. Consúltao aquí.

4, Decembro 2025 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

O Concello do Carballiño vén de presentar a súa programación especial “Nadal Infantil 2025–2026”, unha completa proposta cultural destinada a converter o municipio nun punto de encontro para as familias durante as festas. Música, teatro, maxia e tradición conforman un calendario pensado para os máis pequenos, que poderán gozar dunha ampla variedade de actividades durante todo o mes de decembro e o inicio de xaneiro.

O tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Diego Fernández, salientou que “o obxectivo é ofrecer alternativas de ocio accesibles e de calidade, deseñadas para favorecer o goce compartido entre pais e fillos. Queremos que o Nadal no Carballiño sexa sinónimo de ilusión, cultura e participación”.

Ademais, subliñou que “cada actividade foi elixida pensando no estímulo creativo dos nenos e nenas, e no valor que ten para as familias contar con programación específica nestas datas”. Fernández destacou tamén que “esta é só a parte infantil dunha programación municipal máis ampla, pensada para todos os públicos e gustos”.

A oferta arranca o xoves 4 de decembro ás 18:00 horas no Auditorio co tributo musical “Las guerreras K-Pop”, organizado por Pares o Nones e dirixido ao público infantil e familiar, con entradas dispoñibles en gau.com. A programación continúa o sábado 6, tamén no Auditorio, cunha das propostas teatrais máis agardadas: “Os Tres Porquiños”, de Educateatro, pertencente á Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). A función, pensada para nenos e nenas a partir de 2 anos, comezará ás 18:00 horas, cun prezo en taquilla de 3,50 euros. O teatro volverá o luns 8 ás 18:00 horas co espectáculo “Bichiños”, de Spasmo Teatro, tamén integrado na RGTA e orientado ao público infantil e familiar a partir dos 6 anos, con entradas ao mesmo prezo. A

música coral tomará o relevo o sábado 20, ás 20:00 horas, co III Festival Nadal Coral, organizado polo Coro infantil Xuvenil EnHarmonía, o Coro Cantiga e o Orfeón do Carballiño. A entrada será de balde ata completar aforo. O domingo 21, ás 17:30 horas, o Auditorio acollerá o musical “Un mundo de fantasía”, unha proposta de Diverfest destinada ao público infantil e familiar, con entradas dispoñibles en atrapalo.com.

Ademais, Papá Noel estará no Carballiño, grazas á organización do Centro Comercial Aberto; os días 22, 23 e 24, ofrecendo ás familias un espazo de encontro coas tradicións máis queridas do Nadal.

A programación teatral regresará o domingo 28 ás 18:00 horas co espectáculo “A toupina que quería saber quen lle fixera iso na cabeza”, de A Xanela do Maxín, dirixido ao público infantil a partir de 2 anos. As entradas poderán adquirirse en Ataquilla.com e o mesmo día na taquilla do Auditorio.

As celebracións de fin de ano comezarán o mércores 31, desde as 18:00 horas, coa tradicional actividade das Badaladas de Fin de Ano na Praza Maior.

Xa en xaneiro, o Carballiño recibirá aos Reis Magos coa Gran Cabalgata, prevista para o luns 5, que percorrerá as rúas do centro e converterá a vila nun escenario de fantasía para os máis pequenos.

O mércores 14, ás 12:00 horas, o Auditorio acollerá a obra “A Biblioteca Galáctica Contra a IA Fantástica”, de Tanxarina Títeres, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística e destinada ao alumnado de 4º de Educación Primaria. A

A programación infantil pechará coa celebración do Festival Máxico San Juan Don Bosco, que terá lugar no Auditorio os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro, e que ofrecerá novas propostas de maxia e entretemento para o público infantil e familiar.

Con esta ampla oferta, o Concello do Carballiño consolida o seu compromiso cun Nadal vivo, diverso e plenamente orientado ás familias e á participación cultural da cidadanía máis nova.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:https://copecarballino.es/novas/o-publico-infantil-e-familiar-gran-protagonista-do-programa-de-nadal-do-concello-do-carballino

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-publico-infantil-e-familiar-gran-protagonista-do-programa-de-nadal-do-concello-do-carballino [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-publico-infantil-e-familiar-gran-protagonista-do-programa-de-nadal-do-concello-do-carballino [3] whatsapp://send?text=O público infantil e familiar, gran protagonista do programa de nadal do concello do Carballiño. Consúltao aquí. http://copecarballino.es/novas/o-publico-infantil-e-familiar-gran-protagonista-do-programa-de-nadal-do-concello-do-carballino [4] https://copecarballino.es/print/69436