Desenrolado por coroa.es


O Concello do Carballiño dá un novo paso na posta en marcha do Viveiro de empresas, unha das principais iniciativas do goberno local para impulsar e apoiar novos proxectos empresariais no municipio.
O pleno votará na sesión ordinaria do próximo luns a ordenanza reguladora do prezo público das tres naves do Viveiro, localizado na área industrial do Carballiño. “A nosa intención é ofrecer prezos económicos e asumibles, xa que serán empresas de recente, nova ou, incluso, futura creación”, detalla Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e Industria.
Mentres, o goberno local avanza na elaboración do regulamento de funcionamento do Viveiro, o seguinte paso para poñer en marcha o programa municipal. O espazo conta cunha superficie construída de 389,63 metros cadrados e consta dunha zona común (con sala de reunións, sala de formación, oficina para administración, aseos e vestiarios) e dos espazos de traballo de cada empresa (son tres naves, dúas de 78,5 metros cadrados e unha, máis pequena, de 75,52).
Os servizos prestados polo Concello inclúen a subministración de auga e luz, a limpeza, o mantemento e a conservación do centro e as dúas aulas de formación e reunións.
As empresas que poderán solicitar o uso das instalacións deberán ser de recente creación (non máis de 12 meses desde a data de constitución) ou en proxecto de constitución. “Poderán estar acollidas no Viveiro durante un período máximo de 48 meses, é un xeito de axudalas e apoialas nos seus inicios e, unha vez que teñan a experiencia e estean consolidadas, continuar de xeito autónomo”, apunta Dacal.
O concelleiro dá conta do crecemento dos últimos anos da área industrial do Carballiño, onde actualmente traballan máis de 1.000 persoas. “Con este proxecto pretendemos favorecer o nacemento, arranque e consolidación de novas empresas, fomentar a xeración de emprego, aumentar a estrutura produtiva local e contribuír a dinamización do Concello do Carballiño e a súa área de influencia”, asegura.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-concello-do-carballino-avanza-na-posta-en-marcha-do-futuro-viveiro-de-empresas-no-parque
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-concello-do-carballino-avanza-na-posta-en-marcha-do-futuro-viveiro-de-empresas-no-parque
[3] whatsapp://send?text=O concello do Carballiño avanza na posta en marcha do futuro
[4] https://copecarballino.es/print/69802