Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (https://copecarballino.es)

Inicio > A Xunta finaliza o proceso de adquisición dos terreos do parque arqueolóxico da cultura castrexa, en San Cibrán de Las.

1, Abril 2026 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Xunta de Galicia finalizou o proceso de adquisición das 15 hectáreas no ámbito do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, por un importe de case 242.000€, co que se rematan os trámites de expropiación amigable, iniciados en setembro de 2025, e da declaración da prevalencia de utilidade pública destes terreos. Así llo confirmou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ao representante da Comunidade de Montes Veciñais e Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, anteriores propietarios destes terreos ata este momento.

“Cumprimos coa palabra dada”, afirmoulle neste encontro ao representante do Goberno galego, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, con respecto ao compromiso dado polo propio conselleiro de que o expediente estaría concluído “antes de que rematase o ano 2026”.

Tal e como lembrou López Campos, o Parque Arqueolóxico conta cunha superficie total de 20 hectáreas, das cales 15 pertencían a esta Comunidade de Montes. “Trátase dun terreo que inicialmente foi cedido á Xunta de Galicia polo Concello e cuxa propiedade, posteriormente, foi outorgada á Comunidade de Montes pola vía xudicial”, informou antes de facer fincapé no feito de que, no ámbito desta superficie, está localizado o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las.

“Este xacemento, que en novembro de 2025 declaramos Ben de Interese Cultural, é un dos máis destacados de Galicia polo seu tamaño, estado de conservación e a súa importancia tanto a nivel histórico como científico. “Por iso para a Xunta de Galicia era unha prioridade poñerlle fin ao conflito e avanzar na adquisición destes terreos”, precisou López Campos, engadindo que, coa fin deste proceso, “dáse carpetazo definitivo a este asunto”. “Trátase dun resolución histórica, froito do dialogo e consenso por un ben colectivo para toda a Comunidade”, salientou.

Ben de Interese Cultural

Cómpre lembrar que o Castro de San Cibrao de Las, situado a uns 20 quilómetros da cidade de Ourense, nos termos municipais de San Amaro e Punxín, conta xa co máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia ao terse declarado o conxunto como Ben de Interese Cultural.

Esta declaración fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro. Así o expediente destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono.

Foi precisamente esta singularidade a que fixo que a Xunta de Galicia o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes que recibe cada ano máis de 10.000 persoas.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:https://copecarballino.es/novas/xunta-finaliza-o-proceso-de-adquisicion-dos-terreos-do-parque-arqueoloxico-da-cultura-castrexa

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-finaliza-o-proceso-de-adquisicion-dos-terreos-do-parque-arqueoloxico-da-cultura-castrexa [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-finaliza-o-proceso-de-adquisicion-dos-terreos-do-parque-arqueoloxico-da-cultura-castrexa [3] whatsapp://send?text=A Xunta finaliza o proceso de adquisición dos terreos do parque arqueolóxico da cultura castrexa, en San Cibrán de Las. http://copecarballino.es/novas/xunta-finaliza-o-proceso-de-adquisicion-dos-terreos-do-parque-arqueoloxico-da-cultura-castrexa [4] https://copecarballino.es/print/69926