Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > Os socialistas de Leiro denuncian o "arboricidio" na praza de acceso ao mosteiro de San Clodio, do que culpan ao concello

19, Novembro 2020 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o “arboricidio” levado a cabo polo Concello nas obras de reforma da Praza de San Clodio, a carón do mosteiro co mesmo nome. Os socialistas din “non dar creto” a tala indiscriminada de árbores que o rexedor decidiu cometer nesta emblemática praza do municipio. Dende o Grupo Municipal Socialista avogaban porque estas árbores se transplantasen a outro lugar, xa que segundo apuntan estaban “totalmente sans, cheas de vida e podían reempregarse en calquera outro punto do municipio, en lugar de botalas ao lixo como finalmente decidiu o rexedor.

O voceiro socialista en Leiro, Manuel Rodríguez afirma que “este é un novo exemplo da ausencia total de planificación por parte dun rexedor ao que non lle importa nin o futuro nin o presente do municipio”. O voceiro municipal tamén critica que se “gastasen cartos públicos en cortar e trocear as devanditas árbores, cando o máis sinxelo era volver a plantalas ou levalas a outros puntos do municipio”. Dende o PSdeG de Leiro tampouco comprenden que finalmente se plantaran outras árbores no lugar das “liquidadas” e afirman que “trátase de árbores novas, que tardarán en medrar e coller tamaño e que nestas datas co inverno achegándose, corren o risco de non ir arriba por mor das xeadas”. Para os socialistas este é un exemplo máis de “despilfarro dos cartos públicos”, por parte dun alcalde do que din “fai e desfai a súa maneira sen consultar con ninguén e sen ter en conta a opinión da oposición e da veciñanza”.

A obra de reforma da Praza de San Clodio está subvencionada pola Xunta de Galicia e conta cun investimento de 8.000 euros por parte do Concello de Leiro. Os socialistas din estar de acordo coas melloras de acondicionamento e pavimentación da praza, pero critican “este ataque contra o medio ambiente perpetrado polo rexedor de Leiro”.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/os-socialistas-de-leiro-denuncian-o-arboricidio-na-praza-de-acceso-ao-mosteiro-de-san-clodio

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/os-socialistas-de-leiro-denuncian-o-arboricidio-na-praza-de-acceso-ao-mosteiro-de-san-clodio [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/os-socialistas-de-leiro-denuncian-o-arboricidio-na-praza-de-acceso-ao-mosteiro-de-san-clodio [3] whatsapp://send?text=Os socialistas de Leiro denuncian o [4] http://copecarballino.es/print/54825