Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > O BNG reclama da Xunta prazos e orzamento para un novo Centro de Saúde no Carballiño

8, Xullo 2021 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A deputada por Ourense no Parlamento de Galiza Noa Presas e a concelleira nacionalista na vila do Arenteiro Sofía García, reclamaron esta mañá a construción dun novo centro que de cobertura ás necesidades da zona xa que o actual "quedou raquítico e desfasado".

Segundo Noa Presas, "Despois de anos de demandas, en xaneiro Feijóo xuntábase co Alcalde e afirmaban que os técnicos da Xunta ían avaliar se facer unha reforma ou construír un novo", ao que engade, "Pasaron seis meses e a semana pasada escoitamos como vén Feijoo a Ourense facer promesas en materia de infraestruturas sanitarias, comprometer obras ou novas construcións para 13 concellos e do Carballiño o único que di é que están a avaliar se ampliar este centro ou facer un novo".
Para Presas "seis meses despois seguimos igual nin un euro consignado para o centro de saúde do Carballiño nin un prazo temporal, e isto é un escándalo".

Desde o BNG, demandan compromisos claros da Xunta e que pare de tomarlle o pelo ao Carballiño. "Esiximos prazos e orzamentos porque a partida para os centros de saúde que vai nos orzamentos é raquítica, unicamente hai dúas partidas xenéricas para todo Galiza que suman 9 millóns dos que a Ourense lle correspondería só o 4 por cento, polo que resulta difícil de crer que cunha contía aproximada de 360.000 euros se poidan financiar un novo centro de saúde, a reforma de 12 e engadir algunha actuación no Carballiño".

Noa Presas é clara á hora de reclamar da Xunta "menos anuncios e máis compromisos". "Hoxe tiña que estar decidido xa se ampliar ou construír un novo centro, tiñamos que estar falando de proxectos e de ubicacións e no lugar diso o que temos son anuncios e propaganda. Ademais, reclamamos que se adopten medidas urxentes de reforzo de persoal para o mantemento de servizos xa que desmantelaron xinecoloxía, cun día a semana, cun profesional distinto cada vez, non teñen servizo de pediatría polas tardes, nin de radioloxía,e iso non é tolerable".

Ademais de propostas para O Carballiño, o BNG rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para achegar solucións á situación de deterioro e colapso na que se atopa a Atención Primaria ao longo do país cun Plan de reforzo dos recursos humanos e a incorporación á carteira de servizos de Atención Primaria das categorías imprescindibles para prestar unha atención integral, como profesionais de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, traballo social, logopedia ou podoloxía.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/o-bng-reclama-da-xunta-prazos-e-orzamento-para-un-novo-centro-de-saude-no-carballino

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-bng-reclama-da-xunta-prazos-e-orzamento-para-un-novo-centro-de-saude-no-carballino [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-bng-reclama-da-xunta-prazos-e-orzamento-para-un-novo-centro-de-saude-no-carballino [3] whatsapp://send?text=O BNG reclama da Xunta prazos e orzamento para un novo Centro de Saúde no Carballiño http://copecarballino.es/novas/o-bng-reclama-da-xunta-prazos-e-orzamento-para-un-novo-centro-de-saude-no-carballino [4] http://copecarballino.es/print/57249