Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > Os turistas cataláns e vascos, maioritarios entre os que visitan este verán o Parque Etnográfico do Río Arenteiro. A demanda recupera números de prepandemia.

18, Agosto 2021 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

O Carballiño recupera a súa condición de espazo de referencia para o turismo no interior de Galicia e o seu cámping municipal rexistra unha demanda e unha actividade que se sitúa nos parámetros do verán anterior á pandemia do coronavirus.

O Cámping Municipal Arenteiro está integrado por un espazo para turistas composto por seis pallozas e unha zona destinada a acoller a autocaravanas que conta con 32 parcelas para este tipo de vehículos. A zona turística situada ao pé do río Arenteiro reúne unha parte importante dos recursos deste sector na vila e xunto ao cámping atópanse os restaurantes A Maquía e o Muíño das Lousas –que logo de anos sen actividade ben de ser posto de novo en funcionamento baixo a xerencia do restaurante O Barazal-, o conxunto etnográfico dos muíños do Anxo, a Pena dos Namorados e a antiga fábrica de papel da Lavandeira, que pasará a ser o Museo do Papel de Galicia nun futuro próximo.

Ademais, dende o cámping os visitantes poden facer a ruta circular que percorre as beiras do río Arenteiro –no propio espazo hai un panel informativo sobre o trazado e os lugares senlleiros a coñecer- e gozar de enclaves como a piscifactoria –e a súa zona de baño- ou o parque municipal do Carballiño. Neste verán do 2021 rexístrase unha importante presenza de visitantes de Cataluña e Euskadi, entre outros lugares de procedencia.

A boa valoración dos servizos dos que dispoñen no recinto, a gastronomía ou o entorno natural son aspectos destacados polos usuarios das instalacións do cámping e da área de autocaravanas, segundo sinala o concelleiro de Turismo Manuel Dacal. A vila carballiñesa recupera pouco a pouco a súa actividade como espazo de lecer e destino turístico nun verán, o do 2021, no que se reabriu o Gran Balneario do Carballiño e se normalizou a oferta termal cos dous grandes referentes da vila neste sector: os balnearios de As Caldas de Partovia e do Carballiño.

Un amplo programa para o verán cultural –con actuacións ou concertos que foron dende o de Pablo Milanés á sesión de Touriñán, e nestes días co Festival de Títeres-, a celebración dunha Festa do Pulpo adaptada á actual situación sanitaria ou a recuperación do Rali do Lacón, logo de anos sen celebrarse, son algúns dos sinais de identidade do verán carballiñés deste 2021.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/os-turistas-catalans-e-vascos-maioritarios-entre-os-que-visitan-este-veran-o-parque

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/os-turistas-catalans-e-vascos-maioritarios-entre-os-que-visitan-este-veran-o-parque [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/os-turistas-catalans-e-vascos-maioritarios-entre-os-que-visitan-este-veran-o-parque [3] whatsapp://send?text=Os turistas cataláns e vascos, maioritarios entre os que visitan este verán o Parque Etnográfico do Río Arenteiro. A demanda recupera números de prepandemia. http://copecarballino.es/novas/os-turistas-catalans-e-vascos-maioritarios-entre-os-que-visitan-este-veran-o-parque [4] http://copecarballino.es/print/57414