Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > A Deputación impulsará a actividade dos pulpeiros do Carballiño-Arcos como “embaixadores da nosa gastronomía e dinamizadores do territorio”

29, Outubro 2022 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Deputación de Ourense impulsará a actividade dos pulpeiros do Carballiño e Arcos, para “axudar a reforzar o que son dende sempre: uns referentes e embaixadores da nosa gastronomía e dinamizadores do noso territorio”, segundo resaltou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, trala reunión co presidente e o vicepresidente da Asociación de Pulpeiros do Carballiño - Arcos, Roberto Pereira e Jesús Pereira.

“Esta liña de cooperación”, destaca Manuel Baltar, “permitirá á asociación e aos seus asociados avanzar no seu posicionamento, reforzando a súa proximidade coa clientela a través das novas tecnoloxías e cunha importante aposta pola imaxe e a comunicación para referendar o carácter xenuíno dos pulpeiros desta comarca, auténticos símbolos de Ourense e de toda Galicia”. “Este é un novo exemplo da nosa forma de traballar. Estamos en permanente contacto coas asociacións e entidades da provincia nunha relación absolutamente clave para Ourense”, valora Manuel Baltar, que reivindica a alianza do goberno provincial co tecido asociativo ourensá: “A Deputación confía na capacidade estimuladora e creadora de riqueza das asociacións e entidades que operan no noso territorio; e o tecido asociativo confía na Deputación pola nosa probada fortaleza para tecer colaboracións que permitan seguir favorecendo o crecemento de Ourense”.

En nome da Asociación Pulpeiros do Carballiño - Arcos, Roberto Pereira quixo agradecer o apoio da Deputación de Ourense: “Para nós é importantísimo. Este é un empuxe moi importante nun momento complicado, trala saída dunha pandemia na que case non puidemos traballar e no actual contexto de inflación. Agardamos poder devolver este apoio a todo Ourense e á comarca do Carballiño”. O presidente da entidade resalta que a través desta colaboración, “a primeira pública que recibimos en 14 anos”, as máis de 30 familias pulpeiras asociadas poderán avanzar no seu plan conxunto, con fitos como “unificar a imaxe do centenar de vehículos e carpas que empregamos, mellorar as nosas infraestruturas, seguir progresando na modernización da asociación e reforzar a nosa presenza en eventos de toda Galicia e tamén fóra”.

Segundo explican, a Asociación de Pulpeiros do Carballiño -Arcos naceu baixo “a protección do saber facer dun pobo que dende o século XVIII se dedica a cociñar o ‘Polbo á feira’, de xeito artesanal e tradicional, na parroquia carballinesa de Santa María de Arcos”. Nesta entidade agrúpanse, remarcan, “as familias que dende entón traballan o polbo día tras día en toda a xeografía de España e no estranxeiro do mesmo xeito, ata hoxe, sen cambiar a esencia da súa elaboración e tradición, pasando ese bo traballo de xeración en xeración”. A Asociación de Pulpeiros do Carballiño - Arcos sitúa como obxectivo principal “poñer en valor a figura dos pulpeiros, mellorando o seu coñecemento e posicionamento como símbolo da gastronomía”.

Entre os pasos deseñados pola entidade están fitos como redeseñar e reposicionar a imaxe da asociación; fortalecer e difundir unha imaxe única en todos os elementos vinculados á asociación; adaptarse e facer uso dos novos canles de comunicación para chegar aos potenciais clientes -internet, redes sociais, mailing,  realizar eventos con impacto social ou innovar con proxectos vinculados ao mundo do pulpo, como unha aplicación de xeolocalizador para “localizar ao teu pulpeiro máis próximo”.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/deputacion-impulsara-actividade-dos-pulpeiros-do-carballino-arcos-como-embaixadores-da-nosa

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/deputacion-impulsara-actividade-dos-pulpeiros-do-carballino-arcos-como-embaixadores-da-nosa [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/deputacion-impulsara-actividade-dos-pulpeiros-do-carballino-arcos-como-embaixadores-da-nosa [3] whatsapp://send?text=A Deputación impulsará a actividade dos pulpeiros do Carballiño-Arcos como “embaixadores da nosa gastronomía e dinamizadores do territorio” http://copecarballino.es/novas/deputacion-impulsara-actividade-dos-pulpeiros-do-carballino-arcos-como-embaixadores-da-nosa [4] http://copecarballino.es/print/61033