Desenrolado por coroa.es
Levo días escoitando e lendo nos medios e en redes sociais as opiniós sobre o que aconteceu no Irixo nestas pasadas elecciós e voume permitir, dende as antípodas ideolóxicas de calquera das tres candidaturas presentadas, ofrecer a miña humilde, aínda que penso que clarificadora, opinión sobre o tema. Penso facelo, ademais, dende o respecto e a educación que coido que faltan en moitas desas opiniós e nalgunhas denuncias aquí publicadas. Porque señoras e señores: a vida privada das persoas que se presentan ás elecciós, por moito que se expoñan publicamente, é iso, a súa vida privada e ninguién ten direito a opinar sobre ela, moito menos a desprezala ou facer burla. Habería que ver se se publicarían tantas denuncias e en tales termos se fose obrigado asinalas con nome e apelidos reais.
Centrándome nos resultados das últimas elecciós, a primeira cuestión á que me gustaría referirme é ó resentimento e ó rancor con que certa xente se dirixe ós candidatos do PSOE, especialmente a Iago Fariñas, aínda que se pode observar esta actitude tamén con membros das listas do PP e de Xuntos polo Irixo. Unha queda pampa cando le certas opiniós, que poderían ser denunciadas polo odio e a bile que rezuman. Estes comentarios, nun primeiro momento, fannos pensar que, efectivamente, Iago Fariñas ten un ego desmesurado, é un demo con cornos, que bota lume pola boca e polos ollos e que é a persoa máis odiada do Irixo actualmente por múltiples motivos, entre eles ter unha fame de alcaldía extraordinaria, un interese inaudito en manexar “obras públicas” e permitir que Lito sexa investido como alcalde. Sen embargo, analizando un pouco máis eses escritos e comentarios en redes, o que parece é que unha parte veñen directamente da autoproclamada candidatura veciñal e que a outra parte procede de simpatizantes do PSOE desenganados coa actitude do seu candidato. Digo parece, porque o anonimato, en certos casos, sempre nos fará sospeitar que non é certo todo o que se di e que, precisamente, do PSOE non son. En calquera caso, e atendendo ós resultados electorais e á traxectoria de Iago Fariñas no concello, a miña análise é ben distinta. Esta persoa leva 8 anos sendo concelleiro no Irixo e falando moi claro nas súas declaraciós públicas e nas mociós que leva presentado no pleno municipal. E parece que isto é o que non gusta: a súa claridade e o seu carácter forte. Ben, pois se facemos un exercicio de memoria, o que a xente do Irixo dicía sobre os dous anteriores candidatos do PSOE á alcaldía era o contrario: non valían porque non tiñan carácter, seica eran manexables e non sabían imporse. Que se deduce de todo isto? Que o que molesta non son os candidatos, é o partido. No Irixo non se vota máis ó PSOE porque é o PSOE.
Neste punto, quero parar un segundo a falar do PP. Está claro que a rede clientelar que este partido ten montada no noso concello é moi forte, fortísima, e isto inflúe tanto nos seus votos coma nos non-votos ó PSOE. A maioría dos veciños votaron o PP incluso cun alcalde que herdou o posto a “media” lexislatura e que o único que fixo foi levar a cabo as mociós que se foran aprobando dende 8 anos atrás (presentadas, na súa maioría, polo PSOE e por Fai o Irixo), vivir do traballo, moi vistoso, feito por Gloria Bernárdez, mater unha disputa antolóxica cos rapaces que levan a Banda de Gaitas, andar desaparecido e cobrar o soldo. Non nos confundamos, aquí volvemos a unha cuestión de partido. A maioría do Irixo non votou a Manuel Cerdeira, Lito, senón que votou o PP. O castigo foi perder concelleiros en favor da candidatura veciñal. Non me vou parar a falar moito da guerra Lito-Gloria, pero si que quero deixar caer aquí que só temos a versión pública dunha das partes. Non estaría de máis coñecer a da outra para comparar e sacar conclusiós máis acertadas ou achegadas á realidade dos feitos. Se cadra Manuel Cerdeira non foi o suficientemente espabilado para facer contracampaña coa súa versión, ou se cadra é que non hai outra versión.
Con este panorama bélico, pouco antes de comezar a campaña electoral coñecemos a nova candidatura: Xuntos polo Irixo. Cunha campaña exprés apoiada polas forzas vivas do PP que non queren a Manuel Cerdeira como alcalde, cun programa pouco afinado e moi xeral, sen aparecer en ningún medio de comunicación (ou eu non me enterei) e sen presentarse ó debate electoral organizado pola Cope do Carballiño, esta candidatura conseguiu 3 concelleiros. A candidata á alcaldía, Susana Iglesias, non estivo acertada en varias ocasiós, entre elas non acudindo ós medios de comunicación a que a coñecesemos máis, centrando a campaña en redes sociais e, digamos que, botando por fóra, como indicaba nunha denuncia un veciño de Parada que, dende o meu punto de vista, explicou bastante ben a situación naquel momento. A última noticia que teño desta candidatura é o comunicado que publicaron en redes onte: “Desmontando as mentiras de Iago Fariñas”. Sen entrar en moitas fonduras, e comparando esta versión coa dada por Fariñas na radio, só quero que reflexionen, que pensen nun instante comigo, sobre estas dúas cuestiós: levando, cando menos, unha persoa que se presentou nas listas co PP en 2019, atrévense a falar de goberno nefasto do PP?; e sabendo que parte da campaña lla fixeron, cando menos en privado, as forzas vivas do PP que non queren a Cerdeira como alcalde, como van xustificar un pacto co PSOE?
Ninguén publica nada sobre isto, aínda que falar, fálase, e a min paréceme moi importante.
Por outra parte, dentro dunhas negociacións, está claro que se alguén quere todo, non vai obter o que quere da outra parte. Un partido, o PSOE, cunha organización interna clara, que leva traballando moitos anos no concello, que nas últimas lexislaturas lle aprobaron mociós que levaron a cabo 4 anos despois, ou máis, pra evitar que levase as rendas correspondentes en votos (no 2019), non se fía de ninguén, moito menos cando aparece unha candidatura veciñal da que nada se sabía no momento en que ese partido pode acadar maior número de concelleiros, ou verse favorecido por unha alta abstención, grazas á mala xestión e ós conflitos varios que ten abertos o actual alcalde.
O PSOE e Xuntos acúsanse do mesmo, de non deixar avanzar as negociaciós, de pedir de máis, de querer ser protagonistas… A min a impresión que me dá é que Xuntos polo Irixo descoñece os fundamentos da política municipal e da negociación política, que Susana Iglesias se precipitou pensando en que ía ser alcaldesa (porque diante non ten a calquera, ten persoas con experiencia apoiadas por un partido) e que o PSOE se excede pedindo 2 anos de alcaldía (cousa á que din que renunciaron), pero non en pedir un reparto igualitario de concellerías, en canto á súa visibilidade pública, porque, efectivamente, non é o mesmo manexar “obras públicas” ca “cultura”, mal que nos pese. É unha situación realmente complicada, con difícil solución, en parte polo ego dos dous candidatos, en parte polas circunstancias nas que parece toparse a candidatura veciñal. Un tema á parte, do que non vou falar máis, é pretender facernos crer que xestionar un concello pequeno coma o noso teña que levar consigo a dedicación exclusiva da figura do alcalde. Fagan o favor de non tomarnos o pelo. En calquera caso, as versiós do PSOE e de Xuntos sobre o mesmo tema son tan iguais e distintas á vez que me encantaría que nos ofrecesen probas documentais delas, ben seguro que tamén a máis veciños coma a min. Como o máis probable é que non suceda isto, vou ofrecer o dato que a min me fai decantarme pola versión do PSOE, que non é outro que o ton das declaraciós: un candidato falando con tranquilidade na radio e expoñendo os seus argumentos e conclusiós fronte a un comunicado escrito, publicado en redes sociais, que transpira xenreira e resentimento. Sumemos a isto todos eses comentarios e denuncias, algunhas delas tan faltas de respecto que dá pena ata lelas, que dalgún lugar saen. Todas son de votantes do PSOE co corazón roto? Perdoen que o dubide.
Cando dúas agrupaciós sentan a negociar, ten que haber liñas vermellas, pero tamén cesión por ambas partes. Cando alguén non cede, ten que entender que a outra parte tampouco o faga. E alguén debe dicir isto en público: o ruído que o PP e Xuntos están a facer en redes e coas denuncias nesta páxina, non favorecen en absoluto un cambio de goberno no Irixo. Por que? Porque o PSOE ten as súas liñas vermellas que non vai pasar e porque, no fondo, a maioría dos votantes do PP e de Xuntos son os mesmos, só que con distinta chaqueta, e non queren un cambio de cor no goberno do Irixo, queren a cabeza de Manuel Cerdeira.
As miñas palabras poden non gustar a todos, ou a ninguién, pero… poden sospeitar que non sexa certo o que digo?
Unha veciña do Irixo que se quere manter no anonimato.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/outra-vision-do-que-aconteceu-no-irixo
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/outra-vision-do-que-aconteceu-no-irixo
[3] whatsapp://send?text=Outra visión do que aconteceu no Irixo http://copecarballino.es/denunciacidada/outra-vision-do-que-aconteceu-no-irixo
[4] http://copecarballino.es/print/63436