Desenrolado por coroa.es
O PSdeG-PSOE de Leiro critica a “falla de previsión” do Concello e a Xunta de Galicia con respecto as obras iniciadas hai unha semana na ponte da Esperela. As e os socialistas consideran que co inicio do verán, o aumento da veciñanza que reside en Leiro e a chegada dun maior número de turistas “as obras supoñen un gran trastorno para todos e todas”.
O grupo municipal socialista desprazouse ata a ponte da Esperela para comprobar de primeira man o avance das obras, despois de que fai unha semana se pechase a mesma ao tránsito de vehículos. Tal e como explican as e os socialistas “estamos falando dunha das principais arterias de entrada ao núcleo de Leiro, polo que o corte da mesma ten como consecuencia que a veciñanza e aquelas persoas que nos visitan teñan que desprazarse 6 quilómetros máis para poder acceder ao municipio”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, explica que estas obras “son froito da total e absoluta falla de previsión por parte da Xunta, pero tamén da desidia a que nos teñen acostumados os que gobernan este concello”. O edil socialista considera que as obras “deberían terse realizado noutra época de menor afluencia, para evitar trastornos a veciñanza, aos negocios e aos turistas” e apunta a que “Leiro debería vestirse en verán coas súas mellores galas e non amosar unha imaxe de desleixo e abandono”.
Rodríguez Vázquez tamén destaca que aos negocios “estanlle afectando moi negativamente as obras, posto que o turismo, que aumenta de afluencia nesta época, atópase con cortes na entrada principal ao municipio, tendo que optar por un desvío”. Tal e como destaca as previsións da Xunta “son de 3 meses para o remate das obras, o que provocará que a ponte estea cortada ao longo de toda a época estival”.
Dende o PSOE de Leiro esíxenlle ao alcalde do Partido Popular que “defensa os intereses da veciñanza e os comerciantes” e que nun futuro “opte por instar a Xunta a realizar obras importantes noutra época do ano, e non coincidindo co aumento da afluencia de turistas e veciños e veciñas que volven a Leiro a pasar o verán e as vacacións”.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/falla-de-prevision-de-xunta-e-concello-de-leiro-e-o-perxuizo-que-causa-vecinos
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/falla-de-prevision-de-xunta-e-concello-de-leiro-e-o-perxuizo-que-causa-vecinos
[3] whatsapp://send?text=A falla de previsión de Xunta e concello de Leiro e o perxuizo que causa a veciños, comerciantes e hosteleiros. http://copecarballino.es/denunciacidada/falla-de-prevision-de-xunta-e-concello-de-leiro-e-o-perxuizo-que-causa-vecinos
[4] http://copecarballino.es/print/66484