Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > Dano Cerebral Galicia imparte unha charla de ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’ no Irixo

8, Abril 2025 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva o 15 de abril ao Irixo unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles.

Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello do Irixo, e vai ter lugar o martes 15 de abril ás 10:30 Casa do Concello (Praza Manuel Penedo, 10). É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.

Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse chamando ao 988 287 282 (Concello do Irixo).

Identificación e prevención do dano cerebral adquirido

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas...). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.

Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.

Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.

Apoio institucional

Ademais do apoio do Concello do Irixo, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/dano-cerebral-galicia-imparte-unha-charla-de-aproximacion-ao-dano-cerebral-adquirido-no-irixo

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/dano-cerebral-galicia-imparte-unha-charla-de-aproximacion-ao-dano-cerebral-adquirido-no-irixo [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/dano-cerebral-galicia-imparte-unha-charla-de-aproximacion-ao-dano-cerebral-adquirido-no-irixo [3] whatsapp://send?text=Dano Cerebral Galicia imparte unha charla de ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’ no Irixo http://copecarballino.es/novas/dano-cerebral-galicia-imparte-unha-charla-de-aproximacion-ao-dano-cerebral-adquirido-no-irixo [4] http://copecarballino.es/print/68452