Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > O PSdeG de leiro denuncia "graves irregularidades de seguridade" na limpeza nas rúas.

8, Maio 2025 [1] [2] [3] [4]

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia “graves” deficiencias por parte do goberno municipal do Partido Popular durante a recente limpeza levada a cabo en varias rúas do centro urbano do municipio. As e os socialistas consideran que durante a limpeza das rúas “non se cumpriron cunhas mínimas condicións de seguridade” e optouse pola “improvisación”, sen avisos previos á veciñanza destas actuacións.

O grupo municipal socialista en Leiro, a través dos seus concelleiros, Pedro José González e Manuel Rodríguez Vázquez, vén de presentar unha queixa formal dirixida ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, ante o que cualifican como “proceder caótico, inseguro e pouco profesional”, en relación a última limpeza viaria realizada polo consistorio no centro urbano de Leiro.

Os edís socialistas relatan que durante os traballos de limpeza “houbo numerosas eivas e deficiencias e non se tivo en conta as condicións mínimas de seguridade”. Neste senso González e Rodríguez explican que “se empregou unha desbrozadora sen as proteccións regulamentarias, poñendo en risco a viandantes e vehículos á proxección de pedras e restos varios”. Tamén denuncian o uso dun soprador de aire “sen ningún tipo de control, que levantou po e residuos, afectando a establecementos, vivendas e coches”.

Para os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro “é primordial que se informe previamente á veciñanza, mediante carteis ou a través das canles oficias de estas limpezas, algo que non sucedeu nesta ocasión”. Pedro José González e Manuel Rodríguez consideran que este tipo de actuacións improvisadas “non son aceptables”. Tal e como apuntan “estamos a falar de saúde pública, de seguridade cidadá e de respecto á veciñanza”.

Ante esta situación dende o PSdeG-PSOE de Leiro esixen “a revisión urxente do protocolo de limpeza, o emprego de medios seguros e axeitados, a obrigatoriedade de realizar avisos previos nas canles oficiais e a depuración de responsabilidades ante esta mala praxe”. Asemade, tamén conclúen sinalando que “Leiro merece uns servizos públicos planificados, seguros e acordes coa dignidade que debe ter calquera municipio”.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/denunciacidada/o-psdeg-de-leiro-denuncia-graves-irregularidades-de-seguridade-na-limpeza-nas-ruas

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psdeg-de-leiro-denuncia-graves-irregularidades-de-seguridade-na-limpeza-nas-ruas [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psdeg-de-leiro-denuncia-graves-irregularidades-de-seguridade-na-limpeza-nas-ruas [3] whatsapp://send?text=O PSdeG de leiro denuncia [4] http://copecarballino.es/print/68580