Desenrolado por coroa.es
O Concello do Carballiño colabora co Orfeón do Carballiño no XXXI Festival de Habaneras, unha das citas musicais máis queridas da programación estival. O Auditorio Manuel María acolle este sábado, 26 de xullo, as actuacións musicais de catro agrupacións: Coral Souto da Igrexa de Meirás (Sada), Coral Polifónica A Cañiza, Rondalla Alfaia de Cenlle e o propio Orfeón. O repertorio inclúe cancións habaneras e latinoamericanas, que recordan a música que trouxeron os moitos veciños da comarca que cruzaron o charco en busca dunha vida mellor.
En palabras de Diego Fernández, concelleiro de Cultura, esta data “homenaxea aos emigrantes e a cultura que foi e volveu, e tamén nos permite escoitar músicas doutros lugares sen movernos do Carballiño”. O edil puxo en valor esta mañá, durante a presentación do Festival, o traballo e esforzo levado a cabo polo Orfeón, que cada ano convida ás mellores corais. “Facemos un chamamento aos veciños para que vaian con tempo para poder coller sitio e desfrutar dunha xornada que xa forma parte da programación da Festa do Pulpo”, engadiu.
Pola súa parte, Rogelio Rodríguez, presidente do Orfeón, agradeceu a boa resposta da poboación, que cada ano “enche o auditorio”. Nesta trixésimo primeira edición, a organización homenaxeará ao músico e docente ourensán Carlos Núñez. Christian Casas, director do Orfeón, puxo en valor a traxectoria profesional de Núñez, así como a súa faceta de impulsor de eventos musicais como o Ourencanto.
Casas asegurou que as cancións interpretadas o sábado serán “fermosas” e adiantou que o Orfeón e a Rondalla Alfaia presentarán unha obra “moi especial, bonita e pegadiza”.
A entrada é gratuíta, polo que as entradas se adxudicarán en orde de chegada ao Auditorio.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/corais-de-sada-caniza-e-cenlle-acompanan-ao-orfeon-do-carballino-na-trixesimo-primeira-edicion
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/corais-de-sada-caniza-e-cenlle-acompanan-ao-orfeon-do-carballino-na-trixesimo-primeira-edicion
[3] whatsapp://send?text=Corais de Sada, A Cañiza e Cenlle acompañan ao Orfeón do Carballiño na trixésimo primeira edición do Festival de Habaneras, este sábado 26 de xullo. http://copecarballino.es/novas/corais-de-sada-caniza-e-cenlle-acompanan-ao-orfeon-do-carballino-na-trixesimo-primeira-edicion
[4] http://copecarballino.es/print/68909