Desenrolado por coroa.es
O Carballiño comeza hoxe as festas patronais de San Cibrán, as popularmente chamadas en toda a comarca "as festas do setembro".
Desde hoxe venres dia 12 e ata o venres 19, a veciñanza e visitantes desfrutarán de concertos, exposicións, actividades infantís ou actos relixiosos, unha completa programación deseñada para pequenos e maiores. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, convida á poboación a achegarse ao Carballiño durante esta semana para divertirse, confraternizar e despedir o verán.
Os festexos comezan pola tarde coa última cita deste 2025 do ciclo musical “Feito no Carballiño”, que arrancou o pasado mes de xullo e no que participaron diversas bandas locais ao longo do verán. Mañá participarán os grupos Five Pipers, Susie Q’s e Kambotes, que subirán ao escenario da Praza Maior a partir das 20,00 horas.
O acendido da iluminación festiva polas rúas do Carballiño e a Festa da Xuventude completan a programación da primeira xornada. A Festa da Xuventude terá lugar na rúa Faustino Santalices a partir das 00,00 horas. Os asistentes poderán gozar de versións de cancións indies coa banda Malenne para rematar bailando os éxitos musicais actuais con DJ Valeiras.
Concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Os festexos continúan a fin de semana con máis oferta musical e lúdica. O sábado, os máis pequenos poderán desfrutar da Festa Infantil de Olimpíadas coa animación musical de DJ Tibu na praza Emilia Pardo Bazán a partir das 17,00 horas. A charanga CLK ambientará as rúas da vila, que pola noite recibe a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. O concerto, ás 23,00 horas na Praza Maior, incluirá a presentación do último álbum, “Axúdame a sentir”, así como temas dos traballos anteriores. Festicultores Troupe e o espectáculo piromusical na praza da Veracruz completan a programación do sábado.
Xa o domingo, actuará a Banda de Música A Lira de Ribadavia: a mediodía na Veracruz, e pola tarde na praza Juan Corral Paxariño. A charanga Dr. Anchoa animará as rúas e pola noite será a quenda da Orquestra Florida, que actuará na Praza Maior ás 20,30 horas e ás 23,00 horas.
Nova ubicación das barracas
Debido ás obras de posta en valor do entorno da Veracruz, que inclúen a nova iluminación da praza e do templo e a recuperación agora do empedrado, o goberno local decidiu mudar a ubicación habitual das barracas de maiores. En lugar de situarse na Veracruz, trasládanse ás rúas Ben-Cho-Sei e Celso Emilio Ferreiro.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/comezan-no-carballino-festas-do-setembro-2025
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/comezan-no-carballino-festas-do-setembro-2025
[3] whatsapp://send?text=Comezan no Carballiño as Festas do Setembro 2025 http://copecarballino.es/novas/comezan-no-carballino-festas-do-setembro-2025
[4] http://copecarballino.es/print/69109