Desenrolado por coroa.es


A Deputación de Ourense, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, e a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel, promove un ano máis un proxecto de harmonía dos viños coa arte e coa música na que vai ser a undécima edición de “CataArte”.
A presentación desta iniciativa contou coa presenza do vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; co director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González; e presidenta do CRDO Ribeiro, Concha Iglesias; e a presidenta da Asociación Diabética Auria, Paz Gómez del Valle. Esta iniciativa, altamente consolidada ao longo dos anos, desenvolverase os xoves 13, 20 e 27 de novembro.
CataArte consiste na cata de viños dunha adega pertencente á D.O. Ribeiro no entorno dunha exposición artística e complementada cun concerto musical de entre 30 e 40 minutos.
No eido vinícola, os colleiteiros Pousadoiro e Casal do Canteiro serán os protagonistas da primeira xornada, o 20 de novembro será o momento de coñecer máis polo miúdo o proxecto de Bodegas Casal de Armán e o broche final, na derradeira sesión, virá da man de Bodega Alanís.
O apartado musical desta edición correrá a cargo de The Lie’s project (13 de novembro), Álvaro Alonso DJ Verbena (20 de novembro) e Besbellos (27 de novembro).
Novamente, esta edición contará co acceso en forma entrada solidaria, cun prezo de 5€ por sesión que se deberá adquirir unicamente a través do portal electrónico Entradium.com, sendo un ano máis un evento solidario que destinará todo o diñeiro recadado á Asociación Diabética Auria.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, salientou o aspecto de compromiso social corporativo tanto do Ribeiro como da Deputación para apoiar esta iniciativa durante máis dunha década e puxo de manifesto que “o gran éxito de CatArte demostra que viño da D.O. Ribeiro, a arte e a música harmonizan á perfección”.
A presidenta do Consello Regulador D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, tamén incidiu no compromiso das adegas con esta vertente social e na absoluta consolidación desta actividade ao longo dos anos. “Dende o seu nacemento, o Consello Regulador e o Centro Cultural Marcos Valcárcel fomos da man neste proxecto e agardamos seguir traballando xuntos en moitas máis edicións”, dixo a presidenta.
Paz Gómez del Valle, presidenta da Asociación Diabética Auria, agradeceu o apoio e a visibilización que con esta acción se conseguirá cara a asociación que dirixe, constituída no ano 2002 e que ten por misión reunir ás persoas con diabetes da provincia de Ourense e as súas familias, a fin de mellorar as súas condicións de vida e defender os seus dereitos sanitarios, educativos e sociais.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-consello-regulador-da-denominacion-de-orixe-do-ribeiro-organiza-unha-nova-edicion-de
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-consello-regulador-da-denominacion-de-orixe-do-ribeiro-organiza-unha-nova-edicion-de
[3] whatsapp://send?text=O Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro organiza unha nova edición de
[4] http://copecarballino.es/print/69311