Desenrolado por coroa.es

O RAPOSO, A XINETA E O TEATRO DE SUSANA
“De quen fixo da alcaldía un escenario e agora se queixa do guión.”
“O raposo no galiñeiro”, dis ti.
Pois se hai algún, fuches ti quen lle abriu a porta cando fixeches da alcaldía o teu propio corral particular. Peor có raposo é a xineta: escóndese, róubao todo e logo fai ver que non foi ela. O Irixo xa sabe ben o que é terte gobernando: personalismo, prepotencia e un Concello bloqueado pola túa incapacidade para entenderte nin co teu propio grupo nin cos demais concelleiros.
Escoitarte falar de “falta de traballo” ou de “proxectos herdados” é como ver a quen deixa un papel en branco e logo quere que lle dean as grazas por escribir o libro.
O que ti chamas proxectos eran simples anuncios e propaganda de bar. As obras que hoxe se están vendo no Irixo son resultado do traballo do actual goberno, que tivo que proxectar, tramitar e executar o que ti deixaches sen orzamento, sen documentación e, nalgúns casos, sen sentido.
Dicir que non se convocaron plenos en dez meses é outra falsedade máis: houbo dous plenos extraordinarios, e ademais o secretario municipal estivo de baixa, polo que houbo que incorporar un novo. Pero ti, que nin sabes como funciona a administración, prefires manipular antes que informarte e dicir a verdade.
Tamén falas de obras “mal feitas” que nin sequera fuches ver. Opinas de oídas, porque pasar tantas horas no bar non deixa moito tempo para comprobar as cousas. E o máis curioso é que agora andas vendendo, ou cando menos dando a entender, que a obra de Alemparte foi idea túa, cando desde que fuches buscar os votos por alí non volviches máis. Se che interesa tanto, vai vela: aglomerado en quente, ben feita, e non a trapallada de firme que deixaches en Rivela e Santiso. Alí a Deputación fixo a obra e, ademais, concedeu unha subvención de 40.000 euros, cos que ti fixeches un simple rego asfáltico vendido como se fora unha gran obra. E xa sabemos todos que esa chapuza non vale nin de lonxe o que custou.
E xa que falas de “intereses persoais”, cómpre lembrar quen mandou hormigonar para si mesma o acceso á súa casa turística do río e á súa eira privada que ten detrás, mentres deixaba en terra as entradas doutros veciños do mesmo camiño. Despois buscaches a escusa de sempre: que era “para o chilote que ten alí ao lado o Concello”. Outra mentira máis. E xa que estamos, outro día falamos tamén dalgunhas facturas de traballos sen executar ou con importes inflados para xustificar pagos e favores a cargo do diñeiro do Concello… porque diso tamén houbo, e todos sabemos que un simple "xogo para nenos" non vale case dez mil euros.
Do raposo falas ti… pero no galiñeiro xa deixaches máis dun burato.
Igual a Fiscalía tiña que pedir as facturas do teu ano de goberno. ¿Dicímosllo?
E iso de que vas ir “casa por casa” tamén fai graza. Igual querías dicir “bar por bar”, que é onde pasas máis tempo contando as túas versións e repartindo culpas. Mira que agora xa non podes cobrar dietas por andar por aí… que seica as chegaches a cobrar ata por ir ós enterros.
O señor Cerdeira —por moito que che pese— gañou as eleccións e quedou a unha ducia de votos da maioría absoluta. Ti quedaches con tres concelleiros, pero se non chegaras a levar na túa lista ao concelleiro de Corneda, que tanto utilizaches para chegar á alcaldía e despois che sobrou cando deixou de servirche, terías quedado con dous, a metade dos que sacou o Partido Popular. Esa é a túa maneira de facer política: usar ás persoas mentres che son útiles e apartalas cando xa non che valen.
E xa que tanto che gusta poñer exemplos, poderías aprender algo do que foi o teu propio socio de goberno do PSOE, o tenente de alcalde que dimitiu cando viu que non eras quen de respectar nin as súas competencias nin o acordo de goberno. Ti si deberías aprender a asumir responsabilidades, sobre todo despois de fracasar dúas veces seguidas ao tentar aprobar uns orzamentos que nin o teu número dous quixo apoiar.
Non sabemos quen será alcalde ou alcaldesa dentro de dous anos, pero o que si parece cada día máis claro é que ti non.
Cando che convén, pos voz conciliadora e falas de unión; cando non, insultas e atacas. Tes un don para manipular, para aparentar o que non es, e iso xa non engana a ninguén. Porque quen te coñece sabe ben o que se agocha detrás desa voz doce e dese ton de vítima.
O tempo das mentiras, das escusas e dos teatros xa pasou. O Irixo merece seriedade, non política de taberna. E mentres ti segues co teu papel de vítima, outros —sen ruído— seguen traballando polos veciños e poñendo o Concello a funcionar
Entre o bar, a radio e as mentiras, non che queda tempo nin para traballar.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-raposo-xineta-e-o-teatro-de-susana
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-raposo-xineta-e-o-teatro-de-susana
[3] whatsapp://send?text=O RAPOSO, A XINETA E O TEATRO DE SUSANA http://copecarballino.es/denunciacidada/o-raposo-xineta-e-o-teatro-de-susana
[4] http://copecarballino.es/print/69327