Desenrolado por coroa.es


A Casa da Cultura do Carballiño acolleu este xoves a xornada "Polbo con Orixe: do produto á experiencia", un encontro que reuniu a representantes institucionais, expertos en turismo e profesionais do sector enogastronómico para debater sobre o futuro do turismo gastronómico e o papel dos clubs de produto como ferramentas de dinamización territorial.
O evento serviu como presentación oficial do Club de Produto “Polbo con Orixe”, unha iniciativa impulsada ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino "O Carballiño e a gastronomía do polbo", financiado pola Unión Europea - NextGeneration EU.
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o xefe de área provincial de Turismo Galicia en Ourense, Cecilio Santalices, e o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participaron na apertura da xornada. O rexedor municipal puxo en valor o polbo como símbolo do Carballiño, así como o traballo realizado para lograr a internacionalización da Festa do Pulpo. “Tamén conseguimos que a Festa do Pulpo non fose só un día de celebración, senon varias semanas de citas no Carballiño como a elaboración da tapa máis grande do mundo”, apuntou.
A xornada desenvolveuse a través de varias conferencias e mesas redondas que abordaron a enogastronomía como elemento central da experiencia turística. Carlos Martins, experto en enogastronomía e turismo, estableceu as bases conceptuais sobre a importancia de construír unha oferta turística ao redor dos produtos gastronómicos locais e a súa conexión co territorio.
As mesas redondas "Os clubs de produto como elemento de vertebración do turismo gastronómico" e "O papel dos concellos como impulsores da gastronomía local" abordaron a importancia destas iniciativas para incrementar a competitividade das empresas locais e a necesidade da colaboración público-privada para implicar ao tecido económico nunha estratexia a longo prazo.
O Club de Produto Polbo con Orixe busca consolidar O Carballiño como un destino turístico de referencia no eido enogastronómico, situando ao polbo como eixe principal dunha actuación que tamén fortalece a conexión con outros produtos da contorna.
Máis información sobre o Club de Produto Polbo con Orixe:
●Na web pulpoconorigen.com
●No enderezo electrónico clubdeproducto@carballino.gal [5]
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-presenta-o-club-de-produto-polbo-con-orixe-nunha-xornada-sobre-turismo
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-presenta-o-club-de-produto-polbo-con-orixe-nunha-xornada-sobre-turismo
[3] whatsapp://send?text=O Carballiño presenta o
[4] http://copecarballino.es/print/69379
[5] mailto:clubdeproducto@carballino.gal