Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > “En soidade, non esperes máis” unha iniciativa termal da Deputación con mil prazas para conectar e acompañar polo nadal

23, Novembro 2025 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Deputación de Ourense pon en marcha a campaña “En soidade, non esperes máis”, unha iniciativa destinada a visibilizar e concienciar á cidadanía sobre a realidade diaria das persoas que padecen soidade non desexada, así como sobre o impacto que esta situación ten na saúde e no benestar.

A campaña enmárcase na recente advertencia realizada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), cuxa Comisión de Conexión Social alerta sobre os profundos efectos do illamento social durante todo o proceso de envellecemento. A OMS lembra que a saúde social é un piar fundamental —e moitas veces ignorado— do benestar integral, tan esencial como a saúde física e mental.

Segundo o organismo internacional, a conexión social reduce o risco de enfermidades, prolonga a esperanza de vida e reforza o tecido das comunidades, dotando ás persoas de significado vital e dun profundo sentido de pertenza. Pola contra, a soidade non desexada constitúe un grave problema de saúde pública global, cunha prevalencia e unhas consecuencias severas que están sendo subestimadas.

TERnadal: termalismo para conectar e acompañar no Nadal

Para dar resposta a esta realidade, a Deputación de Ourense impulsa a iniciativa piloto TERnadal, un programa que permitirá que un milleiro de persoas participen en estancias termais durante o mes de decembro co obxectivo de combater a soidade non desexada.

O programa está dirixido a persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade emocional ou que vivan soas, con independencia do seu lugar de residencia, e que desexen compartir as festas en compañía.

As estancias, de seis ou quince días de duración, desenvolveranse en distintos hoteis-balneario da provincia e incluirán aloxamento en pensión completa; acceso a piscinas de auga mineromedicinal; dúas técnicas termais diarias; actividades específicas para favorecer a socialización e consulta médica opcional.

Ademais, programáronse quendas especiais en días sinalados —Nadal, Fin de Ano e Reis— para garantir que ningunha persoa teña que vivir estas datas en soidade.

Toda a información e o proceso de solicitude están dispoñibles na web oficial: https://www.termalismourense.com/ternadal [5]

Un compromiso da Deputación coa saúde social

Co lanzamento desta campaña e da iniciativa TERnadal, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso cos coidados, o benestar e a atención ás persoas máis vulnerables. A institución provincial destaca que a loita contra a soidade non desexada require respostas innovadoras, humanas e coordinadas, nas que o termalismo, un dos recursos identitarios da provincia, se converte tamén nun espazo de encontro, acompañamento e esperanza.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/en-soidade-non-esperes-mais-unha-iniciativa-termal-da-deputacion-con-mil-prazas-para-conectar

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/en-soidade-non-esperes-mais-unha-iniciativa-termal-da-deputacion-con-mil-prazas-para-conectar [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/en-soidade-non-esperes-mais-unha-iniciativa-termal-da-deputacion-con-mil-prazas-para-conectar [3] whatsapp://send?text= “En soidade, non esperes máis” unha iniciativa termal da Deputación con mil prazas para conectar e acompañar polo nadal http://copecarballino.es/novas/en-soidade-non-esperes-mais-unha-iniciativa-termal-da-deputacion-con-mil-prazas-para-conectar [4] http://copecarballino.es/print/69392 [5] https://www.termalismourense.com/ternadal