Desenrolado por coroa.es


As obras de mantemento do viaduto da autoestrada Dozón-Ourense (AG-53) sobre a A-52 farán necesarias afeccións ao tráfico a partir deste luns, día 12 de xaneiro. Trátase de acometer traballos de renovación e mellora dos apoios do taboleiro sobre as pilas do viaduto, os cales requirirán o izado do taboleiro.
Estes traballos, que constarán de dúas fases diferenciadas, centraranse na primeira fase na colocación dunha estrutura metálica auxiliar, necesaria para dispoñer sobre ela os equipos de izado do taboleiro. Durante esta primeira fase, cuxa duración inicial se estima de entre 3 e 5 días laborables, só será necesario cortar un dos dous carrís da calzada da autoestrada AG-53 (sentido Ourense), que deberá manterse cortado durante todo o período de execución das obras.
Na segunda fase da intervención, procederase ao izado do taboleiro do viaduto e á execución dos traballos de renovación e mellora de apoios do taboleiro sobre os capiteis das pilas. Durante esta fase, cuxa duración se estima entre 2 e 4 días laborables, será necesario realizar o corte total da calzada e a habilitación do correspondente desvío está previsto para o seguinte luns, día 19 de xaneiro.
Así, ambas as fases deberán repetirse para cada un dos 5 apoios do viaduto, polo que se estima que as obras remataran ao longo desta próxima primavera.
Segundo a planificación dos traballos, durante todo o período de execución dos traballos manterase cortado o carril da AG-53 entre o quilómetro 86,5 e a conexión da AG-53 coa A-52 e a OU-402, e estímase que cada 2 semanas producirase un corte de calzada de 3 a 4 días de duración cada un deles, para o que se habilitarán os correspondentes desvíos.
Debido a que resulta inviable transferir o tráfico pola calzada contraria, ao situarse a zona de traballos onde non existe calzada no sentido contrario, o corte de calzada afectará ao tramo da AG-53 entre o enlace coa AG-54 (punto quilométrico 78,5) e a conexión coa A-52 e a OU-402 (quilómetro 87,2), e será necesario desviar o tráfico da AG-53 en sentido Ourense pola AG-54, N-541 (a través da saída 1 da AG-54 - enlace de Maside - e variante de Maside), e a estrada N-120, desde a cal poderá incorporarse á autovía A-52 para continuar en dirección Ourense ou en dirección Vigo.
Durante a execución das obras, tanto na AG-53 como na AG-54 e no enlace de Maside dispoñerase da sinalización oportuna para orientar aos usuarios da vía a través do itinerario alternativo indicado.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/obras-de-mantemento-do-viaducto-sobre-o-mino-na-ag-53-motivan-afeccions-ao-trafico-desde-o
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/obras-de-mantemento-do-viaducto-sobre-o-mino-na-ag-53-motivan-afeccions-ao-trafico-desde-o
[3] whatsapp://send?text=As obras de mantemento do viaducto sobre o Miño na AG-53 motivan afeccións ao tráfico desde o lúns dia 12. O desvio faráse pola N-541 desde o enlace de Maside. http://copecarballino.es/novas/obras-de-mantemento-do-viaducto-sobre-o-mino-na-ag-53-motivan-afeccions-ao-trafico-desde-o
[4] http://copecarballino.es/print/69593