Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > A Deputación comprométese co presidente da IXP Pan de Cea para impulsar a promoción "dun producto emblema gastronómico da provincia"

24, Xaneiro 2026 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co novo presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea, Juan Luis Calviño e co tenente de alcalde do Concello de San Cristovo de Cea, José Dalama, nun encontro no que se abordou a situación actual deste produto emblemático da provincia e as liñas de colaboración institucional para seguir impulsando a súa promoción e valorización.

Durante a reunión, Menor ensalzou a calidade do Pan de Cea como “un dos grandes emblemas gastronómicos da provincia de Ourense”, destacando que na actualidade son xa 15 os fornos adheridos á Indicación Xeográfica Protexida, cunha produción que está a piques de acadar o millón de quilos anuais, un dato que evidencia a boa saúde do sector e a consolidación da marca.

O presidente provincial subliñou tamén a proxección exterior do produto, sinalando que o Pan de Cea “non só é un referente en Galicia, senón que cada vez ten maior presenza fóra da comunidade e comeza a ser recoñecido e valorado en Europa”, grazas á súa participación en feiras e eventos internacionais, que contribúen a reforzar a imaxe da provincia como destino enogastronómico de calidade.

Menor reiterou o compromiso da Deputación co sector agroalimentario e cos produtos amparados por selos de calidade, poñendo en valor o seu papel como motor económico, xerador de emprego e elemento clave para a promoción do territorio.

Pola súa banda, o novo presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea agradeceu o apoio constante da Deputación de Ourense ao longo dos anos, destacando a importancia da colaboración institucional para a defensa, promoción e internacionalización dun produto que forma parte da identidade cultural e gastronómica da provincia.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/deputacion-comprometese-co-presidente-da-ixp-pan-de-cea-para-impulsar-promocion-dun-producto

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/deputacion-comprometese-co-presidente-da-ixp-pan-de-cea-para-impulsar-promocion-dun-producto [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/deputacion-comprometese-co-presidente-da-ixp-pan-de-cea-para-impulsar-promocion-dun-producto [3] whatsapp://send?text=A Deputación comprométese co presidente da IXP Pan de Cea para impulsar a promoción [4] http://copecarballino.es/print/69657