Desenrolado por coroa.es


Tras a decisión de Sofia García de abandonar o BNG, sen aclarar se vai entregar a súa acta de concelleira, o que deixaría ao BNG sen representación na corporación municipal do Carballiño, o Consello Local da formación nacionalista fai público un comunicado que reproducimos na súa integridade.
COMUNICADO DO BNG
Logo de coñecer a renuncia da concelleira Sofía García Hermida a seguir formando parte do BNG, e tras a reunión celebrada na mañá de hoxe, o Consello Local do BNG do Carballiño quere manifestar publicamente os seguintes puntos:
-Respectamos a decisión da nosa concelleira, como non pode ser doutro xeito, manifestando a nosa gratitude polo traballo desenvolvido durante a súa militancia no BNG.
-O BNG é unha organización asemblearia, na que todas as decisións se adoptan tras procesos de debate aberto e participación activa da militancia nos seus órganos. Este funcionamento democrático é unha das bases que sustentan o noso proxecto político e garante que as posicións do Bloque respondan á vontade colectiva maioritaria das e dos militantes que conforman a organización.
-Somos unha organización cohesionada, comprometida e en constante traballo, co obxectivo de ofrecer á veciñanza unha alternativa política sólida, seria e con proxecto de futuro de cara ás vindeiras Eleccións Municipais de 2027. Reiteramos o noso firme compromiso de seguir traballando con rigor e responsabilidade, situando ás veciñas e veciños no centro de toda acción política, co fin de construír un Carballiño mellor para todas e todos.
-Sen ter coñecemento da decisión que, a este respecto, teña Sofía García, dende o BNG lembramos que as actas obtidas baixo as siglas da nosa organización son do proxecto colectivo, en coherencia coa vontade expresada pola veciñanza nas urnas e co compromiso adquirido coas persoas que depositaron a súa confianza no BNG.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-consello-local-do-bng-agradece-o-traballo-de-sofia-garcia-como-concelleira-e-lembralle-que
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-consello-local-do-bng-agradece-o-traballo-de-sofia-garcia-como-concelleira-e-lembralle-que
[3] whatsapp://send?text=O Consello Local do BNG agradece o traballo de Sofía García como concelleira e lémbralle que
[4] http://copecarballino.es/print/69863