Desenrolado por coroa.es


O PSdeG-PSOE de Leiro impugna o pleno de orzamentos e retribucións a tres concelleiros celebrado o pasado luns ante o que consideran unha “indefensión absoluta” e un “fraude de lei” por parte do alcalde e o seu equipo de goberno. As e os socialistas, ante a gravidade dos feitos, xa presentaron un escrito de denuncia ante o Consello de Contas.
O grupo municipal socialista de Leiro, representado polo seu voceiro, Manuel Rodríguez Vázquez, e polo voceiro adxunto, Pedro José González, explica que durante o pleno celebrado o pasado luns “optamos por abandonar a sesión extraordinaria tras denunciar unha manobra ilegal do goberno municipal para ocultar información esencial sobre o orzamento 2026 e a aprobación de retribucións para tres concelleiros do equipo de goberno”.
Ocultación de informes
O PSOE de Leiro denuncia que, a pesar de que o pleno foi convocado o pasado 13 de marzo, o alcalde negou “sistematicamente” o acceso ao expediente á oposición durante toda a semana previa. Tal e como apuntan “de forma inaudita, a documentación técnica e os informes xurídicos clave non foron facilitados ata o sábado 21 de marzo ás 8:18 horas da mañá, mediante un correo electrónico enviado en día inhábil”.
Rodríguez e González consideran que esta situación "é un atropelo democrático sen precedentes en Leiro” e apuntan que o goberno local “pretende que fiscalicemos os soldos de tres concelleiros e as contas municipais con apenas unha hora e media de tempo de oficina, que foi o único prazo real que tivemos antes do pleno ".
Un pleno en "fraude de lei" e denuncia ante o Consello de Contas
Dende o PSdeG-PSOE de Leiro destacan a “gravidade” de que o pleno fora convocado oficialmente como extraordinario, pero que ao inicio da sesión o alcalde “intentara emendar a falta de documentación sometendo a votación unha ratificación da urxencia que non figuraba na orde do día”. Segundo as e os socialistas, esta manobra “constitúe un fraude de lei para intentar validar un expediente que incumpriu os prazos legais de exposición pública”.
Ante esta situación o grupo municipal socialista xa rexistrou unha denuncia formal ante o Consello de Contas de Galicia, achegando as probas gráficas do envío de documentación fóra de prazo e a impugnación rexistrada ás 09:15 horas do luns no rexistro municipal. "Non imos ser cómplices deste teatro”, afirman Manuel Rodríguez e Pedro José González, que tamén sinalan que o goberno de Leiro “amosou un desprezo absoluto pola legalidade e polos dereitos de representación dos veciños”. Os concelleiros socialistas conclúen sinalando que “defenderemos a transparencia en Leiro ante as instancias que sexa necesario”.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-grupo-socialista-de-leiro-denuncia-ante-o-consello-de-contas-o-pleno-dos-orzamentos-e
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-grupo-socialista-de-leiro-denuncia-ante-o-consello-de-contas-o-pleno-dos-orzamentos-e
[3] whatsapp://send?text=O grupo socialista de Leiro denuncia ante o Consello de Contas o pleno dos orzamentos e retribucións aos concelleiros do goberno do PP
[4] http://copecarballino.es/print/69887