Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://copecarballino.es)

Inicio > A Xunta executa melloras na contorna do monumento natural da Pena Corneira, no concello de Leiro.

27, Marzo 2026 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Xunta de Galicia destina 60.000 euros á melloras na contorna do Monumento Natural da Pena Corneira, tal e como indicou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz durante a súa visita a este espazo.

Entre as actuacións que se levarán a cabo destaca o acondicionamento da senda que conecta a área de lecer, que se localiza na parroquia de Lamas, no concello de Leiro, co monumento natural. En concreto, actuarase en algo máis dun quilómetro deste roteiro rozando vexetación e eliminando polas e árbores que dificultaban o camiño.

Tamén se acometerán traballos de reparación nas instalacións da aula da natureza como a reposición dos cercos de madeira de cinco fiestras do inmoble, a retirada do recubrimento de madeira deteriorada do teito e a limpeza e reparación dos canlóns e baixantes da mesma.

A maiores, a directora xeral explicou que tamén se actuará para mellorar e consolidar o desenvolvemento da masa de frondosas autóctonas presente na contorna de Pena Corneira. Deste xeito, acometeranse rozas manuais en zonas de difícil accesibilidade que afecten preferentemente a especies heliófilas por comprometer a viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies de subsolo da masa de frondosas.

Ademais, faranse desmestas, que incluirán a eliminación de pés de eucaliptos, acacias negras, mimosas e falsas acacias para favorecer o desenvolvemento das frondosas autóctonas.

Estes traballos serán cofinanciados a través do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.

A Serra de Pena Corneira foi declarada monumento natural no ano 2007 e forma parte da Rede de Espazos Protexidos de Galicia, conformada por 97 enclaves. De feito, con 997 hectáreas de extensión, é o monumento natural de maior extensión da comunidade.

A importancia deste espazo radica na súa peculiar xeomorfoloxía, especialmente na diversidade da composición e cristalización dos granitos que provocou neste macizo, unha evolución da paisaxe caracterizada por formas rochosas. A serra conta cunha complexa asociación de formas xeolóxicas que teñen un interese especial pola singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://copecarballino.es/novas/xunta-executa-melloras-na-contorna-do-monumento-natural-da-pena-corneira-no-concello-de-leiro

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-executa-melloras-na-contorna-do-monumento-natural-da-pena-corneira-no-concello-de-leiro [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-executa-melloras-na-contorna-do-monumento-natural-da-pena-corneira-no-concello-de-leiro [3] whatsapp://send?text=A Xunta executa melloras na contorna do monumento natural da Pena Corneira, no concello de Leiro. http://copecarballino.es/novas/xunta-executa-melloras-na-contorna-do-monumento-natural-da-pena-corneira-no-concello-de-leiro [4] http://copecarballino.es/print/69898