A "RUTA DO LIXO", UNHA NOVA E POTENTE PROPOSTA TURÍSTICA DO CARBALLIÑO.

20, Agosto 2024

      Despois  da tapa de polbo do "récord  universal", o actual equipo de goberno do Concello do Carballiño toma de novo a iniciativa e pon en marcha unha potente e arriscada proposta que vai supoñer a envexa do resto do país e un impulso definitivo aos atractivos turísticos que ofrece a vila do Arenteiro e que vai deixar risible á "Vilamorta" da pobriña Dona Emilia.

        Trátase, nin máis nin menos, que a "ruta do lixo". Nela poderanse apreciar os  destacados tonos, tirando a negro, dos lamparóns  que ao longo e ancho das rúas céntricas e nas mugrientas papeleiras, que ambientan e compiten entre si para acadar o estado máis noxento posible, e, deste xeito, poderá ser valorada pola veciñanza e forasteiros. 

       Esta ruta será guiada polo Sr. Alcalde e o resto de concelleiros do goberno municipal. O éxito dáse por descontado. Será un puntazo para atraer á morea de xente que o AVE está a traer a Ourense e que, de seguro, vai a aproveitar tan espectacular e orixinal idea para achegarse á vila carballiñesa e gozar de tan saudable e aromático ambiente.